O Concello de Ourense abre unha convocatoria de axudas dotada con 103.000 euros para actividades culturais e festivas
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá as bases e a convocatoria de subvencións a asociacións, comisións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido cultural e festivo no Concello de Ourense no presente ano 2014. O Concello de Ourense destinará a estas axudas unha achega de 103.000 euros.
O obxectivo desta convocatoria é regular a concesión de subvencións para o funcionamento e a realización de programas, actividades culturais e festivas concretas que se desenvolvan no termo municipal de Ourense por parte de persoas físicas ou xurídicas, asociacións, comisións e entidades sen fin de lucro, así como actuacións que teñan como finalidade principal promover e estender o uso social da lingua galega.
Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais e festivas concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural, e a difusión e animación sociocultural que contribúen ao espallamento e promoción da lingua e cultura galega.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, achegando a documentación requerida nas bases, durante un prazo de 20 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense (nun prazo duns 10 días, aproximadamente).
Colaboración co AGADIC na programación Cultura no Camiño
Na mesma sesión, a Xunta Local aprobou aceptar a proposta de colaboración presentada pola Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC para a realización da programación da “Cultura no Camiño 2014”.
A Xunta de Galicia, con motivo da celebración do VII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís puxo en marcha este programa de actuacións escénicas e musicais para os concellos galegos que queiran acoller esta iniciativa nas súas programacións.
En virtude deste acordo, a cidade de Ourense acollerá diferentes actividades escénicas e musicais, das que AGADIC financiará nun 40%, achegando o Concello o 60% restante. Concretamente, neste caso, o Concello de Ourense destinará a este programa unha achega de 5.941 euros e AGADIC de 3.500.
Subvención para a promoción da lingua galega
Na mesma sesión, tamén a proposta da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, a Xunta Local aprobou concurrir á convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, realizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicada no Diario Oficial de Galicia de 14 de abril de 2014. Neste caso, na modalidade de reforzamento ou mantemento do servizo de normalización lingüística do Concello.
Subvencións a actividades e proxectos xuvenís
Na mesma sesión, a proposta da Concellería de Xuventude, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento de actividades e proxectos xuvenís a prol do asociacionismo na cidade.
A convocatoria enmárcase no obxectivo da Concellería de Xuventude de fomentar a participación xuvenil nos diferentes ámbitos sociais, facilitando o desenvolvemento de actividades por parte das asociacións.
Nesta liña, a Concellería convoca estas subvencións, dirixidas a proxectos e programas xuvenís de interese xeral. Poderán concurrir as asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude ou aquelas que poidan acreditar a existencia dunha sección xuvenil nos seus estatutos ou canles de actuación, e que estean inscritas no Libro de Rexistro do Concello de Ourense.
A convocatoria está dotada con 18.070,43 euros. As solicitudes poderanse presentar nun prazo de 20 días naturais, a contar dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.
As solicitudes serán valoradas tendo en conta a calidade do proxecto, a viabilidade, implicación nos programas da Concellería de Xuventude, número de destinatarios e emprego da lingua galega e da linguaxe non sexista.











