O Concello de Neda abre o prazo para anotarse na sexta edición do Encontro de Maiores
O Concello celebrará a sexta edición do Encontro de Maiores da localidade no mes de xullo. Terá lugar o día 4 nas instalacións do colexio público San Isidro, baixo carpa e aproveitando a infraestructura instalada pola rondalla Lucero del Alba para celebrar o Festival da Canción Mariñeira. ¿Programa? Merendacea a base de paella e churrasco e baile con música en directo.
A festa comezará sobre as 20,00 horas e a participación será completamente gratuíta para os nedenses maiores de 65 anos empadroados na real vila. Iso si, é preciso inscribirse previamente nas oficinas municipais, luns, martes, xoves e venres de 9 a 14 horas. As persoas que non residan en Neda pero que desexen asistir deberán pagar unha entrada de dez euros. O prazo rematará o próximo 25 de xuño.
Deste xeito, o Concello anima aos maiores da localidade e da comarca a anotarse e participar deste encontro co que se pretende ofrecer unha actividade de ocio activo para a Terceira Idade, fomentando as relacións entre o colectivo.











