O Concello de Mos fomenta a colaboración cidadá para optimizar a seguridade no municipio
Na Xunta Local de Seguridade celebrada en Mos o pasado mes de marzo tratouse sobre o Plan Operativo de Ocio 2014, e durante a mesma acordouse convocar unha reunión coas Asociacións de Veciños para trasladarlles medidas de colaboración por parte do colectivo veciñal cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así coma para animalos a denunciar cando o estimen oportuno.
A dita sesión sobre seguridade cidadá, que se celebrou onte luns 5 de maio ás 19.00 horas da tarde no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) do Concello de Mos, estiveron convocados todos os/as presidentes/as das agrupacións integrantes do tecido asociativo mosense así como tódolos socios e/ou membros das mencionadas entidades.
A charla foi impartida porJosé Ramón López, Sarxento Primeiro da Garda Civil na Compañía de Vigo, quen asesorou ós presentes sobre pautas de actuación en situacións de risco tales coma a falsificación de billetes e moedas, os roubos en caixeiros automáticos, así como abordou en profundidade o tema da seguridade no domicilio particular. Estes entre outros aspectos da seguridade cidadá que o experto da Garda Civil tratou nun encontro que foi de gran axuda para implementar e optimizar a seguridade no municipio mosense.
Nesta interesante xornada sobre seguridade cidadá estiveron tamén presentes o concelleiro de Facenda, Patrimonio e Formación e Emprego, e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, a concelleira de Participación Cidadá e Educación, Kely Monzón; así coma os tamén edís do Concello de Mos Isidoro Táboas (Réxime Interno e Deportes) e Cándido Pérez (Limpeza e Parques e Xardíns).
Detalles da charla
Segundo explicou onte o propio José Ramón López, os obxectivos da charla sobre seguridade cidadá por el impartida son o achegamento da Garda Civil á poboación mosense, así coma a sensibilización da sociedade para que a información de interese para os Corpos e Forzas de Seguridade flúa, xa que, tal e como declaraba López “os que mellor coñecen o día a día das súas respectivas parroquias son os veciños e veciñas”. Foi por elo que o Sarxento animou ós presentes a que, ante calquera detección de elementos extranos na rutina diaria se poñan en contacto telefónicamente co cuartel da Garda Civil.
O experto deu tamén ós representantes das asociacións pautas de prevención de roubos e hurtos, así coma pasos a seguir no caso de que se produzan; xa que, dixo, “os ladóns e delincuentes estudan os costumes e estilo de vida das súas vítimas para delinquir ou levar a cabo o roubo cando se atopen ausentes ou desprevidas”. Ademais aleccionou ós asistentes en materia de prevención de estafas no domicilio así coma recomendacións a seguir á hora de saír de viaxe.
Outros temas tratados foron os timos e os modos máis seguros de proceder en bancos e outros establecementos públicos, sobre todo cando se trata de persoas maiores ás que é recomendable que acompañe un familiar ou achegado. No caso das entidades bancarias aconséllase confirmar, antes de saír, que ningún descoñecido nos está a vixiar ou esperar fóra.
Outos aspectos abordados no CDL durante a tarde de onte e tamén de relevancia foron o duplicado de tarxetas de crédito en caixeiros automáticos, e a identificación de billetes e moedas falsos. Por último, José Ramón López fixo dúas recomendacións que calificou de moi importantes: “coidado durante o inverno coas perdas de gas e o funcionamento dos braseiros durante a noite, que poden causar a chamada morte feliz; e coidado cos riscos das novas tecnoloxías”. Ademais lembrou os teléfonos de contacto da Garda Civil e de Emerxencias, 062 e 112, respectivamente; ós que poder chamar ante calquera dúbida ou urxencia.
A sesión rematou cunha ronda de consultas realizadas polos representantes das asociacións presentes, dúbidas que foron debidamente aclaradas polo experto da Garda Civil.











