O Concello de Mos colabora con Aemos destinando unha brigada especial ó PEMOS Veigadaña
A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Julia Loureiro, e a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, informaron hoxe de que o Concello de Mos puxo en marcha fai xa unhas dúas semanas unha brigada municipal de mantemento do Parque Empresarial Mos Veigadaña.
Dita brigada creouse para manter en óptimas condicións as infraestruturas dotacionais do polígono e tamén en resposta ás demandas da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, e da Entidade de Conservación do PEMOS-Veigadaña.
Segundo explicaron esta mañá as representantes municipais, os operarios integrantes desta brigada encárganse diariamente da limpeza das beirarrúas do Parque Empresarial, -tanto de maleza coma de terra e areas para evitar problemas de atasco de tuberías-, do adecentamento de zonas verdes e rotondas, de valeirar as papeleiras e de reordear contedores.
No que atañe á reordenación dos contedores, a brigada municipal estase a encargar da creación de isletas nas que se amplía a dotación cun contedor a maiores, de papel e cartón. Ademais a edil de Medio Ambiente, Julia Loureiro, informou de que se está a xestionar tamén a inclusión en ditas isletas de contedores amarelos de reciclaxe de plásticos.
A brigada destinada ó mantemento do polígono de Veigadaña traballa tódalas tardes de 16.00 horas a 21.00 horas supervisando o equipamento dotacional exterior do Parque Empresarial diariamente, de luns a venres.
Loureiro afirma que “deste xeito e gracias á creación desta nova brigada o Concello está a cubrir o groso das demandas trasladadas pola Entidade de Conservación á administración local”, e lembra que recentemente tamén se acometeu a instalación de sinaléctica interior e exterior do Parque Empresarial Mos-Veigadaña coa colocación de directorios de empresas e carteis cos nomes de cada unha das rúas interiores do polígono, así como sinais direccionais exteriores indicativos da ubicación do polígono nas principais vías de acceso ó mesmo.
Internet
Parece que os empresarios de Mos, en especial os do polígono do Rebullón, teñen problemas coa conexión a Internet; dificultades que se descoñecían dende o Concello e que non lle foron trasladadas ós representantes municipais nas últimas e recentes reunións entre ambas entidades (AEMOS e administración local).
É certo que o municipio de Mos, como tantos outros de ubicación no rural galego, sufre problemas de cobertura de Internet, dificultades que se padecen tamén nas propias instalacións e edificios municipais e cos que a administración local vese obrigada a convivir a diario; sen impedir que o traballo poida saír adiante, como se ven demostrando diariamente.











