O Concello de Monforte iniciará a recollida de plástico agrícola polas parroquias o 27 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Antonino Luaces, concelleiro de Medio Ambiente, informa que a súa delegación volverá realizar a recollida de plásticos agrícolas neste mes de maio.

Trátase da oitava recollida deste tipo que se vai efectuar en Monforte e que se produce de xeito continuado dende o seu inicio en xaneiro do ano 2008 (ano no que se fixeron as dúas primeiras recollidas). As datas elixidas para efectuar a recollida coinciden coas épocas nas que os gandeiros e labregos necesitan desfacerse dun gran volume de plásticos, procedentes básicamente do ensilado de herba.

Este servizo de recollida de plásticos agrícolas, realizado en colaboración coa consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, non terá ningún tipo de custo para os labregos e, pola contra, contribuirá de xeito importante á conservación do medio natural.

A recollida realizarase en tódalas parroquias que xeran plásticos e da mesma ocuparanse operarios municipais e traballadores da empresa GESECO.

A recollida de plásticos agrícolas efectuarase o martes día 27 de maio, dende primeira hora da mañá e ó largo de toda a xornada, nos lugares que a continuación se especifican:

Marcelle (campo da festa); Gullade, Nocedas e A Penela (local social das Nocedas); Vilamarín (campo da festa); Santa Mariña e Caneda (Campo da Pousa); Bascós, Chavaga e Sindrán (local social de Bascós); Reigada e Fontes de Reigada (Praza Mourelo); Piñeira e Distriz (Listo); A Parte e Valverde (campo da festa de Proveiros); Chao do Fabeiro (campo da festa); Moreda, San Xoan, San Xulián e Seoane (local social de San Xoan de Tor); Fiolleda (estrada a Currelos); Baamorto (campo de fútbol).

O plástico deberá depositarse dobrado e atado, para facilitar o seu manexo e evitar a súa dispersión, o día anterior ó da recollida (luns día 26 de maio), nos lugares antes sinalados.

Os pedáneos das diferentes parroquias son coñecedores desta recollida de plásticos agrícolas e dos lugares e a data na que se vai realizar, resultando fundamental a súa colaboración para lograr unha gran efectividade.

Dende a concellería de Medio Ambiente anímase á veciñanza a participar na recollida e a achegar os plásticos agrícolas ós lugares antes indicados que lle queden máis próximos. Así mesmo, Antonino Luaces lémbralle ós labregos e gandeiros que, á marxe da recollida de plásticos que se poda realizar en momentos puntuais ó longo do ano, este tipo de residuos poden ser depositados os luns, mércores e venres, de 9:30 a 17:00 horas no Punto Limpo instalado na zona das Lamas.

A recollida de plásticos agrícolas iniciouse no mes de xaneiro do ano 2008, data na que se recolleu unha gran cantidade debido a que os labregos e gandeiros tiñan moito plástico acumulado. No mes de maio dese mesmo ano volveu realizarse outra recollida que tamén tivo unha gran resposta.

En anos sucesivos foi diminuíndo a cantidade de plástico recollido, debido en parte a una maior utilización do Punto Limpo para depositalos. No ano 2009 recolléronse 13 Tn.; no 2010, 12 Tn.; no 2011, 7.840 quilos; no 2012, 7.800 quilos; e no 2013, 9.980 quilos.

21 de maio de 2014 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.