O Concello de Lalín explica os pasos na organización das festas que marca a nova lei
Román Rodríguez lanzou unha mensaxe de tranquilidade e dixo que o único substancial que cambia é no caso de que a orquestra teña un escenario móbil, que deberá achegar un proxecto de montaxe do camión, que todas elas xa teñen
O tenente alcalde, Román Rodríguez González, e o concelleiro de Festas, Manuel Gómez Estévez, explicaron hoxe aos pedáneos como se desenvolve a nova normativa das festas, que vén dada pola aprobación da Lei de Emprendemento. Foi nunha xuntanza con amplo seguimento -máis de 40 pedáneos e algúns representantes de empresas de espectáculos- e na que tamén tomaron parte os técnicos do departamento municipal de Urbanismo.
Román Rodríguez sinala que a reunión de hoxe se convocou ante o “certo ruxe-ruxe” que motivou a aprobación da nova Lei e tamén porque este é o momento, antes de abrir o período festivo estival. O voceiro do grupo de goberno precisou que para sacar licenza para as festas, de aquí en adiante, está regrado e hai dous sistemas:
1) Cando non haxa orquestra que teña escenario móbil simplemente hai unha comunicación previa, é dicir, o “escrito” que xa se presentaba habitualmente no Concello para a autorización da festa con datos básicos de día, horarios, localización, etc.
2) Cando hai escenario móbil, hai que tramitar a autorización mediante unha licenza. O primeiro é unha memoria descritiva da actividade (día, hora, lugar…) e hai que presentar o proxecto de montaxe do camión, que ten que achegar a orquestra. Por suposto, tamén o seguro de responsabilidade civil que xa se viña facendo.
Respecto á necesidade de contar cun plan de autoprotección que a Lei sinala que é preciso no caso de que a festa sexa en recinto pechado con máis de 2.000 persoas ou no caso de recinto aberto con máis de 20.000 persoas, cómpre sinalar que este aspecto non afectará ás festas parroquiais, pois non superan este número de persoas: “non é, obviamente, o caso das festas parroquiais”, precisou.
Por último Rodríguez lanzou unha mensaxe de tranquilidade e sinalou que o Concello fará, unha vez que a Xunta aprobe o regulamento novo, fará unha ordenanza de control, para a que hai un ano de prazo. Incidiu en que se trata de garantir unha maior seguridade a un menor custo posible.











