publicidade hoxe

O Concello de Cervo transmite o seu pesar polo falecemento do artista Juan Queralt

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo manifestou hoxe o seu pesar polo falecemento do artista catalán Juan Queralt Blanch, que nos últimos meses expuxo a súa obra “El Quijote y los Derechos Humanos” no municipio cervense. Dende o mes de decembro de 2013, cando abriu a súa obra pictórica ao público nas Carboeiras de Sargadelos, Queralt comezou a implicarse na vida cultural e social do concello, participando en numerosos actos e promovendo algúns outros como foi o caso da lectura multilingüística do Quixote polo Día do Libro.

“Para nós era xa un cervense, unha persoa activa e un artista comprometido e incansable, que non paraba nunca de traballar para estender a cultura na nosa sociedade, especialmente entre os máis novos” asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que trasladou o seu pésame e o de todo o Concello á familia. O rexedor lembra a súa “excelente labor cos escolares”, e a “emoción coa que vivía o mundo da arte e a satisfacción que lle producía poder explicar aos estudantes a súa visión do Quixote e os Dereitos Humanos”.

Ao mesmo tempo, Villares lembra a obra que dedicou Queralt ao Concello de Cervo pola Festa do Ourizo e que se atopa exposto na entrada do Auditorio da Casa da Cultura. “O momento da entrega foi moi emotivo, xa que para nós é unha honra que un pintor da súa calidade artística, pero sobre todo persoal, nos agasallase cunha obra feita para nós”.

O mandatario cervense quere amosar tamén o seu agradecemento a Juan Queralt “por todo o que nos ensinou durante estes meses nos que foi un cervense máis”.

20 de maio de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.