O Concello da Laracha restaurará o cruceiro de Lestón
O Concello da Laracha iniciará en próximas datas os traballos de restauración do cruceiro da parroquia de Lestón, situado precisamente no lugar de O Cruceiro, ao que dá nome este elemento do patrimonio histórico municipal.
A actuación proxectada ten por obxectivos mellorar as calidades tanto estruturais como estéticas do cruceiro, que se atopa nun estado de conservación regular presentado certas deterioracións de tipo erosivo por causa da incidencia de factores atmosféricos e climatolóxicos ao longo dos anos.
Á hora de acometer o traballos priorizarase a conservación sobre a restauración e empregaranse materiais e métodos que respecten o aspecto orixinal. Por tanto, o cruceiro mellorará en aparencia, pero non perderá a súa identidade.
Esta actuación deseñada polo goberno local conta, ao afectar directamente a un elemento do catálogo municipal, co preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio.
Recentemente o Concello da Laracha realizou unha actuación dirixida a crear unha praza pública neste lugar, área verde que é un punto de encontro da veciñanza ao estar dotada con mobiliario urbano e delimitada por elementos de seguridade, instalados precisamente para protexer o cruceiro que a preside.
O cruceiro que agora será restaurado polo Concello da Laracha é unha estrutura de gran importancia para a parroquia de Lestón tanto polo seu valor histórico-cultural como por formar parte esencial, aínda hoxe en día, da ruta que os devotos realizan cada ano durante a celebración das festas na honra ao Santísimo Sacramento.











