O Concello da Coruña organiza unha xornada informativa para comerciantes e hosteleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, organiza mañá, xoves 8 de maio, unha xornada informativa sobre a Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU) que a partir do 1 de xaneiro de 2015 -e unha vez vencida a moratoria de 20 anos que a lei outorgou aos alugueres de negocio anteriores a 1985- suporá a extinción automática de numerosos contratos de arrendamento de renda antiga.

Para analizar como e a quen afectará a medida, o Goberno local celebrará unha mesa redonda na que avogados, economistas e axentes da propiedade inmobiliaria abordarán con representantes dos sectores máis afectados -comerciantes e hostaleiros- as consecuencias da extinción da prórroga legal.

O encontro organizado pola área de Emprego e Empresa permitirá aos afectados consultar dúbidas e analizar da man de expertos na materia casos concretos para facer fronte á próxima entrada en vigor da normativa.

No acto, que se celebrará no Fórum Metropolitano, de 20.00 a 22.00 horas, participarán os seguintes relatores:

– Antonio Sanz Fernández. Avogado e profesor da Escola de Práctica Xurídica na materia de Arrendamentos Urbanos.

– Carmela Lavandeira Rábade. Avogada e vogal do Colexio Oficial de Administradores de Leiras de Galicia.

– Alberto Dopico García. Economista e avogado. Secretario do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña.

– Miguel Agromayor Vázquez. Presidente da Federación de Entidades Empresariais da provincia da Coruña.

– Fernando López Touriñán. Representante da Asociación Coruñesa de Comercio.

7 de maio de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.