O Concello da Coruña amplia a zona de área infantil e os espazos verdes do xardín de Puga e Parga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña duplicará o espazo dedicado a xogos infantís no xardín de Puga e Parga, un proxecto que ademais permitirá ampliar as áreas verdes, o número de árbores e os asentos para esta zona de gran tránsito no barrio de Catro Camiños.

O Concello adxudicou o proxecto de mellora e remodelación do xardín de Puga e Parga, unha praza de 2.200 metros cadrados situada entre as rúas Alexandre Bóveda, Alcalde Puga e Parga, Cabaleiros e Marqués de Amboage. A empresa Ogmios Proxecto executará a obra por 373.260 euros, o que supón un aforro de 46.727 euros -unha rebaixa do 11%- con respecto ao orzamento de licitación. Un total de 14 firmas presentáronse a este proxecto, cuxo prazo de execución é de tres meses e medio.

O xardín de Puga e Parga é unha das zonas verdes máis transitadas da cidade xa que se atopa nunha área de gran actividade comercial e moi próxima aos Xulgados e a Audiencia Provincial. O novo proxecto busca unha mellora integral deste espazo. Así, recolocaranse os percorridos peonís para atender as necesidades actuais, creando un único itinerario adaptado, pavimentado en formigón antiescorregadizo e con dous accesos.

A praza divídese en dúas grandes zonas: por unha banda, unha dedicada a aparcadoiro e aseos; e outra onde se dispón de xogos infantís e lugares de descanso. Neste último caso, a área dedicada ao goce dos máis pequenos duplícase, pasando de 226 a 522 metros cadrados. O principal elemento será un gran barco varado, pensado para nenos de entre 4 e 12 anos. Haberá un espazo de 100 metros cadrados dedicado para nenos de 1 a 4 anos e unha terceira área para xogos de manipulación da area.

O novo proxecto tamén recolle a revitalización dos espazos verdes, coa protección dos exemplares existentes de máis valor e a plantación de novas especies. A mellora inclúe ademais a instalación dun equipo de rega programable e o achegue de terra. A zona verde mantense na súa posición perimetral para servir de pantalla acústica e visual natural, conseguindo un espazo protexido do tráfico rodado. Complétase o proxecto coa colocación de tres báculos de oito metros de altura -con tres ou catro proxectores- que iluminarán as áreas de xogo e descanso, a instalación de rede de drenaxe e pluviais e de papeleiras e unha fonte de beber.

A remodelación do xardín de Puga e Parga enmárcase dentro dunha serie de actuacións promovidas polo Goberno municipal para revitalizar a zona de Catro Camiños:

– O pasado mes de marzo finalizaron os traballos de reforma da rúa Fernández Latorre, un investimento de 152.579 euros co obxectivo de renovar os pavimentos peonís e ampliar a rede de pluviais para a mellora do saneamento en Fernández Latorre e Concepción Arenal.

– Renovación da fonte ornamental de Catro Camiños, onde o Concello modernizou este referente arquitectónico da cidade que cumpriu 50 anos. Con este proxecto, a Concellaría de Infraestruturas mellorou o sistema eléctrico e hidráulico e instalou xogos de auga e iluminación nocturna. O Concello investiu neste proxecto 148.776 euros.

– Urbanización e mellora da praza situada entre cálea Concepción Arenal e a avenida de Xeneral Sanjurjo. O proxecto, cunha estética máis moderna e funcional, permitiu outorgar a máxima prioridade ao peón. Cun investimento de 114.000 euros, a praza, cunha superficie de 790 metros cadrados, está vinculada á fonte de Catro Camiños e ten como principal función o cruzamento de itinerarios que se atopan densamente transitados, ademais de ser un espazo para o esparexemento e o descanso. Este proxecto tamén recolleu melloras nas zonas verdes (podas, melloras de chan e plantación de tapizantes) e na iluminación, ademais de integrar o mobiliario urbano.

– Instalación dun novo paso de peóns con semáforo no cruzamento da Costa da Palloza coa escalinata de Santa Lucía.Esta actuación mellora a seguridade viaria e responde a unha demanda dos veciños.

– Mellora e renovación do pavimento de beirarrúas e espazos públicos en Concepción Arenal, a praza da Palloza e da Costa da Palloza, e que supón aumentar a calidade de vida dos cidadáns e a accesibilidade para dar máis protagonismo ao peón á hora de moverse. O orzamento foi de 214.000 euros.

Todas estas obras desenvolvidas polo Concello contribúen a recuperar o barrio de Catro Camiños como un dos grandes polos de atracción da actividade comercial e económica da cidade, un obxectivo que se impulsará de maneira definitiva coa rehabilitación da Fábrica de Tabacos, o que reforzará á cidade da Coruña como a capital xudicial de Galicia.

8 de maio de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.