O Concello da Coruña abre o prazo para solicitar subvencións para pintar as fachadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través do servizo de Vivenda e Rehabilitación, informa de que mañá, xoves 29 de maio, ábrese o prazo para presentar solicitudes para as subvencións para mellorar a imaxe urbana dos inmobles situados dentro do ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) e que inclúe a substitución de cartelaría e a pintura de fachadas.

O Concello publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio de apertura de prazo de presentación de solicitudes de subvención, que se abre mañá e termina o 30 de xuño. Este programa enmárcase dentro da ordenanza que regula a concesión de subvencións para mellorar a imaxe urbana de inmobles incluídos no ámbito do PEPRI de Centro histórico, Pescadería, As Atochas e Orzán. Esta ordenanza foi aprobada no pleno de abril de maneira definitiva e cun orzamento de 250.000 euros. O Concello establece as seguintes zonas de especial interese:

–   Para a substitución de cartelaría: as rúas Real, Rega de Auga e San Andrés.

–   Para pintura de fachadas: a contorna da colexiata de Santa María del Campo -delimitado polas rúas Santo Domingo, Zapatería, Damas, Travesía Porta de Aires, plazuela de Santa Bárbara e praza de Santo Domingo-.

A ordenanza permite dar resposta a unha demanda tanto de veciños como de comerciantes para dotar a cada zona dunha unidade estética que facilite a percepción e goce de cada espazo e que posibilite, ademais, unha reactivación da economía destes barrios. As subvencións outorgaranse tanto a comunidades de veciños como a propietarios que realicen obras de reparación e pintura de fachadas exteriores do inmoble, incluíndo a retirada de cableado; así como á substitución de cartelaría. Toda a información pode consultarse na Oficina Municipal de Rehabilitación, nos Cantóns Village, en cálea Alférez Provisional.

28 de maio de 2014 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.