O comité de Funergal reúnese para avanzar no programa de actividades

Reunión do comité asesor
O comité asesor de Funergal reuniuse esta semana en Expourense para avanzar o programa de actividades profesionais e poñer en marcha as distintas accións de negocio que se desenvolverán na Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios que terá lugar en Expourense os días 7 e 8 de novembro. Este comité asesor está integrado polos principais axentes públicos e privados implicados no sector e mostraron o seu compromiso para presentar nesta cita as últimas novidades e tendencias.
Xornadas Técnicas Profesionais
Así, dentro das xornadas técnicas profesionais e, tendo en conta que se trata dunha importante cita internacional, Funergal acollerá o lanzamento de distintos produtos xurdidos da I+D+i no sector, como unha nova técnica/produto para o acondicionamento dos cadáveres orientada sobre todo á conservación e embalsamento dos corpos que non é invasora e que evita determinadas manipulacións, ademais de paralizar a degradación inmediata.
Por outro lado, un dos relatores xa confirmados será o autor do libro “M.E.P. Mercadotecnia emocional personalizada”, Dario Loinaz, consultor arxentino e a primeira persoa que adaptou este termo académico ao sector funerario. Trátase dun relator que participou nas principais feiras mundiais do sector e o seu libro será entregado aos asistentes a estas xornadas. Estas xornadas serán tamén aproveitadas pola Xunta de Galicia para compartir co sector a nova lexislación sobre Policía Sanitaria Mortuoria, adaptación da Directiva europea, e que se presentará en setembro.
Ademais, Funergal acollerá unha nova edición da entrega dos Premios Nacionais de La Guía Funeraria, que bienalmente fan coincidir con esta cita e que e que teñen o obxectivo de recoñecer publicamente a excelencia das empresas, profesionais e organizacións máis destacadas do sector.
Accións de negocio
O principal obxectivo de Funergal é fomentar o negocio e a competitividade das empresas españolas a nivel internacional e por iso poñeranse en marcha distintas accións de negocio orientadas á exportación como a organización de misións comerciais inversas con motivo da feira, nas que participará a Cámara de Comercio e Industria de Ourense. Os fabricantes de ataúdes españois propuxeron indagar no mercado africano, sobre todo en países como Angola ou Guinea, xa que a súa proximidade e conexión a través de Portugal, pode convertelos en mercado obxectivo e de oportunidade para os provedores españois.
Esta feira supón ademais a creación dunha área de negocio que facilita a presentación de produtos ante profesionais chegados de toda a xeografía peninsular e europea. Esta cita de negocios é xa todo un referente para os funerarios de España e Portugal e nela participan tantos as pequenas e medianas empresas galegas deste sector tan atomizado en Galicia, como os grandes grupos empresariais (Funerapaña, Mémora, Albia, etc.)











