publicidade hoxe

O comité de Feiradeza acordou trasladar a poxa das xovencas para o domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O edil delegado, Manuel Fernández López, sinala que neste encontro se analizaron os preparativos e a evolución deste certame que vai xa pola 30ª edición, e que se celebrará os días 20, 21 e 22 de xuño

O edil de Actividade e Produción Agraria, Relacións coas Asociacións e Cooperativas Agrarias e Feiras, Manuel Fernández López, anuncia que “onte pola noite celebrouse na Casa do Concello a segunda das reunións do Comité Organizador de Feiradeza na que se analizaron os preparativos e a evolución deste certame que vai pola xa 30ª edición, así como da 20ª do concurso de raza frisona, que terán lugar os días 20, 21 e 22 de xuño”.

No dito encontro, explica o concelleiro delegado, acordouse desenvolver a poxa das xovencas o domingo 22 pola mañá despois do concurso, en torno ás 13 horas (trasladándoa do sábado ao domingo), unha hora que se entende que é de máxima afluencia. A continuación da poxa terá lugar a tradicional entrega de premios e mais o sorteo de xata e xovenca entre o público asistente, para o que se enviarán a todas as casas do rural unhas rifas con números para o sorteo. Tamén o domingo, a partir das 11.30 horas, as cooperativas ofrecerán un aperitivo para todos os asistentes.

Así mesmo sinala Fernández López que outra modificación con respecto a edicións anteriores é que o concurso de novos manexadores vaise celebrar o sábado pola tarde despois do concurso de xatas e xovencas.

“Polo resto, o certame desenvolverase segundo o previsto inicialmente na primeira reunión que tivemos a mediados de febreiro, na que arrancamos cos preparativos desta certame de referencia e na que fixamos a data para finais de xuño, por acordo dos gandeiros presentes no encontro que coincidiron sobre a idoneidade de facelo nestes días ao entender que estarían  máis liberados ao contar ter xa feitos gran parte dos traballos do campo”, sinala o responsable municipal.

Hai que lembrar que nese encontro inicial se decidiu tamén crear un novo incentivo entre os concursantes que consiste no establecemento nun premio de ao redor de 50 euros por animal -vacas de leite- en produción sacado a pista, mentres que o resto de premios manterase de xeito semellante a edicións precedentes.

30 de maio de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.