O Coliseum da Coruña acolle Smart Weekend do 6 ao 8 de xuño
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo director de planificación Pablo Vázquez e por José Luís Macías, do Movemento Xove, presentou o Smart Weekend, un evento que se celebrará o fin de semana do 6, 7 e 8 de xuño no Coliseum da Coruña: “Un fin de semana, 48 horas sen descanso, onde se dá cabida a actividades tecnolóxicas, tanto na rama do lecer e a diversión como na do deseño e o desenvolvemento. Aínda que con especial interese en todo o que supón innovación e creatividade, para dar unha oportunidade aos mozos desarrolladores de Galicia”, sinalou Fernández Prado.
O evento está organizado por Movemento Xove e a axencia Social.ice e conta coa colaboración de Coruña Smart City e varias empresas do sector TIC galego entre elas, R, Ilux, IpGlobal, Indra, Altia e Fic on Dev. Smart Weekend ten capacidade para 500 postos de rede-Lan con conexión a Internet de alta velocidade por cortesía de R e, durante o fin de semana, realizaranse diferentes actividades como, smart-Ideas, smart-Dev e smat-Lan: “Desde o ámbito público interésanos especialmente smart-Ideas, porque propomos á sociedade que cre e desenvolva ideas para xestionar a cidade de forma eficiente e intelixente outorgándolle un enfoque máis sustentable apoiado nas novas tecnoloxías. Con estas actividades pretendemos que este proxecto de Smart City vaia adquirindo maior peso fóra da administración para que sexan os cidadáns quen, coas súas ideas, vaian mellorándoo e participando”.
Smart-ideas é un concurso de ideas e proxectos para facer da Coruña unha cidade máis eficiente e intelixente. As propostas poden ser de calquera tipo sempre que estas sexan viables, estean dirixidas ao ámbito urbano, teñan un enfoque sustentable e estean apoiadas nas novas tecnoloxías. Estas ideas e proxectos serán presentadas o sábado 7 de xuño pola mañá, na sala de Prensa de Coliseum, ante un xurado especializado en formato de elevator pitch, que consiste en expor a idea dunha maneira clara e concisa e nun máximo de 5 minutos. As ideas poden ser expostas individualmente ou en equipo, máximo de 3 persoas, e ademais poden ir acompañadas dun apoio visual, que debe ter como máximo 4 diapositivas e entregarase ao equipo de Coruña Smart City o mesmo día da súa presentación. Os formatos aceptados son ppt e pdf. As 3 mellores ideas serán premiadas con 300€ cada unha e ademais serán analizadas polo equipo de Coruña Smart City. En caso de haber ideas que encaixen co proxecto, estas terán a posibilidade de levarse a cabo e formar parte dun dos pilotos a licitar chamado Interacción co cidadán. Participar no Smart-ideas é moi sinxelo, só hai que rexistrarse no apartado de Smart-ideas da páxina do evento www.smartweekend.es como máximo até o mércores 4 de xuño. Notificaráselles aos participantes a hora da súa presentación.
A smart-Dev é a outra competición do Smart Weekend, un concurso de desenvolvemento que pretende achegar a desarrolladores e deseñadores freelance á entidade pública e á empresa privada, un gran escaparate profesional. Esta actividade comezará o venres 6 de xuño pola tarde. As empresas colaboradoras exporán unha serie de retos para que os freelance desenvolvan solucións adecuadas ás necesidades definidas durante todo o fin de semana. As solucións presentaranse o domingo 8 pola tarde e os gañadores de cada reto recibirán un premio valorado en 300€. Ademais, si a solución proposta destaca especialmente, terán a posibilidade de que a empresa lles ofreza unha entrevista de traballo persoal. Esta actividade ofrece un network profesional moi interesante, tanto para as empresas como para os desarrolladores.
Finalmente, e en paralelo a estas actividades, estará a smart-Lan no formato habitual de Lan-Party. Durante a smart-Lan os usuarios poderán intercambiar información a través dun servidor de DC, participar en actividades, torneos de videoxogos, quizz e gañar premios mentres gozan do fin de semana.
Tanto para contar cun posto de conexión na smart-Lan e participar na smart-Dev, os interesados deben rexistrarse en:www.smartweekend.es.