O clube Teocan, entre os seleccionados para o Campionato Mundial de Agility
O Departamento de Deportes do Concello de Teo, dirixido por Anxo Rei, destaca a presenza este próximo fin de semana do Club teense de Agility Teocan no Open Mundial de Agility (WAO) que se celebra en Italia. Carlos Souto, veciño de Teo e técnico deportivo do club clasificouse para esta proba cos seus cans Indi e Hachi.
Trátase do terceiro ano consecutivo no que Souto representa a España nunha competición internacional, primeiro en Bruselas, despois en Asturias e este ano en Venecia. Trátase dun novo éxito na carreira deportiva deste agilitista.
Carlos Souto proclamábase o ano pasado Campeón galego da súa categoría en alta competición da Liga Ibérica de Agility (LIA), co seu can Indi, un border collie de seis anos. Tamén quedou primeiro clasificado no II Open Ibérico de Agility, nesa ocasión con Hachi. Este veciño forma parte do equipo da Federación Galega de Agility que envía un total de oito competidores a Italia este fin de semana.
BTT Compostela
Por outra banda o Concelleiro de Deportes quere destacar a presenza do Club de BTT Os do Monte Bravo de Teo no I Campeonato BTT Ciudad de Compostela que se celebrou a pasada fin de semana. O equipo do club teense quedou terceiro clasificado na modalidade de 24 horas. Recentemente estes amantes da bicicleta participaban tamén na proba dos 101 peregrinos en Ponferrada.











