O Club Laracha en Dúas Rodas presenta a III Pedalada e Andaina Solidaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Presentación da III Pedalada e Andaina Solidaria da Laracha

Presentación da III Pedalada e Andaina Solidaria da Laracha

Os clubs Laracha en dúas rodas e Laracha en dous pés presentaron no local de ambas entidades –situado na rúa Santa Lucía ca capital municipal- a terceira edición da súa Pedalada e Andaina solidaria, que se celebrará o domingo día 8 de xuño e que organizan coa colaboración do Concello da Laracha.

O acto estivo presidido polo presidente do club ciclista, Gerardo Méndez, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e a presidenta de Cáritas da Laracha, Orfi Méndez, xa que a recadación que se obteña nesta xornada irá a beneficio desta entidade. No evento aberto ao público tamén estiveron presentes D. Manuel Boullón, párroco da Laracha, socios de ambos clubs e veciños do municipio en xeral.

Gerardo Méndez anunciou que xa poden solicitarse anticipadamente os dorsais para a carreira, estando incluso a disposición de persoas que non poidan asistir nesa xornada, pero que desexen colaborar coa causa. Os cinco euros de donativo que aportará cada participante destinaranse integramente a colaborar co banco de alimentos a favor de Cáritas da Laracha. O presidente de Laracha en dúas rodas asegurou que o percorrido será en ambos casos moi sinxelo e apto para todos os públicos, incluso nenos que se están a iniciar no manexo dunha bicicleta. A ruta en bici será de dificultade baixa e dez quilómetros de distancia. A andaina serán seis quilómetros e discorrerá á beira do río Anllóns.

José Manuel López Varela tivo palabras de agradecemento ao club ciclista para organización deste evento, afirmando que “para o Concello da Laracha é un orgullo colaborar con estas iniciativas que son, ao mesmo tempo, deportivas, saudables e solidarias”. Por iso animou a todos os veciños a participar en calquera dos dous percorridos.

Por último Orfi Méndez, presidenta de Cáritas da Laracha, tamén agradeceu a iniciativa e asegurou que os cartos que se doen serán integramente destinados á compra de alimentos non perecedoiros que se repartirán entre as familias da Laracha que son beneficiarias do banco de alimentos.

17 de maio de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.