O Club Automovilístico Escudería Ferrol asina co Concello un convenio de colaboración para a edición 45 do rallie

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e presidente do Club Automovilístico Escudería Ferrol, Pedro Amado, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a celebración da edición número 45 do Rallie de Ferrol e de actividades dirixidas á seguridade viaria e a condución segura que completarán esta importante competición deportiva que se disputará do 22 ao 24 do vindeiro mes de agosto. No acto de firma do acordo, tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, tamén participaron o director deportivo do Rallie de Ferrol e alcalde de Cabanas, Germán Castrillón; a concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós; e o ex futbolista e actual piloto de rallies Santiago Cañizares, que forma parte do equipo Suzuki Ibérica Motor. A contía económica do convenio ascende a 20.000 euros.
Jose Manuel Rey enmarcou este protocolo co Club Automovístico Escudería Ferrol nos convenios que ao longo das últimas semanas vén asinando con outras entidades deportivas, e que teñen por obxecto “contribuír á colaboración e o desenvolvemento de actividade deportivas e garantir o dereito á práctica e o goce do deporte que teñen todos os ferroláns”, dixo. No que atinxe ao Rallie de Ferrol, o primeiro edil da cidade subliñou a tradición deste acontecemento deportivo que ten as súas orixes na década dos anos 70 do século pasado e que naceu impulsado por un grupo de amigos afeccionados ao motor. “Na actualidade o Rallie de Ferrol se ten convertido nunha das mellores probas do calendario nacional e por esta cidade pasaron os mellores pilotos de rallies que fixeron e seguen facendo as delicias da afección”, sinalou o rexedor municipal. Neste sentido, o alcalde destacou o traballo e a vontade das preto de 400 persoas que están ao redor da organización e celebración desta proba porque “é o seu interese e esforzo o que fai posible que o rallie se celebre en Ferrol”. “Ferrol está orgulloso de acoller este rallie, xa que contribúe a situar a marca da nosa cidade nos grandes eventos deportivos do calendario galego e español”, engadiu Rey Varela.
Seguridade
Así mesmo, Rey Varela fixo fincapé nas iniciativas encamiñadas á seguridade programadas polo Club Automovilístico Escudería Ferrol, e que inclúe charlas informativas nos colexios, a edición dun manual do pequeno afeccionado e clases de condución segura. “O Rallie de Ferrol non é soamente unha competición duns días, senón que tamén é unha oportunidade para levar a seguridade viaria aos escolares que son os condutores do futuro e, a través, deles, concienciar aos maiores”, subliñou o alcalde. Estas charlas en centros educativos están dirixidas a escolares con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos e comezaron na xornada de hoxe nos colexios Tirso de Molina e de Ferrol Vello. A campaña de seguridade se completará en agosto cunhas clases de condución segura para xóvenes entre os 16 e os 25 anos que se desenvolverán na explanada do recinto feiral de Punta Arnela.
O presidente do Club Automovilístico Escudería Ferrol, Pedro Amado, manifestou que “sempre demos moita importancia á cuestión da seguridade, e este ano dimos un paso máis coas charlas nos colexios”. “O noso obxectivo é que dende os máis pequenos até os adultos a xente coñeza como é un rallie e a importancia que ten respectar as medidas de seguridade como espectadores; é dicir, que saiban en que lugares colocarse, como gozar máis da proba…”, apuntou o responsable da entidade deportiva. Pedro Amado deu as grazas ao alcalde de Ferrol e ao Concello por “seguir apoiando o deporte e o Rallie de Ferrol”.
Por último, o ex futbolista e piloto Santiago Cañizares manifestou a súa sipresa polo feito de que “esta é a primeira vez dende que participo en rallies que vexo verdadeiramente implicado a un Concello no tema da seguridade, o que é merecedor do aplauso de todos”. Ao respecto, Cañizares engadiu que “todos debemos traballar na importancia de concienciar á xente que asista aos rallies sobre que siga o desenvolvemento das probas de maneira prudente, porque os accidentes máis graves non lle pasan aos pilotos senón aos espectadores, e normalmente son causa de imprudencias”.











