O CIM de Vilagarcía informa das axudas a pemes e asociacións para plans de igualdade
A Área de Igualdade do Concello informa a través do CIM da convocatoria que ven de realizar o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para promover a igualdade efectiva entre homes e mulleres no ámbito da pequena e mediana empresa, de asociacións, fundacións e outro tipo de colectivos. As axudas ministeriais poden chegar a 10.000 euros e teñen como obxectivo financiar a elaboración e implantación de Plans de Igualdade nas entidades beneficiarias.
As bases reguladoras destas axudas publicáronse no Boletín Oficial do Estado do 23 de maio e o prazo para solicitalas remata o 10 de xuño.
Estas axudas convócanse ao abeiro da Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, na que se recolle a realización e implantación de Plans de Igualdade nas empresas. Os Plans de Igualdade son unha ferramenta na que se recollen un conxunto ordenado de medidas tendentes a acadar a igualdade de oportunidades e de trato así como a eliminación das discriminacións por razón de xénero, das traballadoras e traballadores, no ámbito da empresa.
Poderán concorrer a estas axudas as pequenas e medianas empresas, entidades cooperativas , comunidades de bens, asociacións e fundacións entre 30 e 250 traballadores. As subvencións irán destinadas a cubrir os seguintes gastos:
Custe do diagnóstico da situación da entidade en relación á igualdade de oportunidades de homes e mulleres na entidade.
Gastos derivados da elaboración do Plan de igualdade
Gastos derivados da implantación do plan na súa primeira fase – campañas de sensibilización, accións de formación e novas contratacións relacionadas co Plan.
O prazo de realización do Plan de Igualdade é o comprendido entre a resolución desta solicitude e o 31 de agosto de 2015. Os gastos imputados á subvención deberán estar pagados antes do 15 de setembro de 2015.
Os interesados en obter máis información sobre esta convocatoria poden dirixirse directamente á área de Igualdade do Concello, ou a través dos teléfonos 986099200 ext. 109, 103, ou 102.











