publicidade hoxe

O Centro Torrente Ballester acollerá a inauguración da mostra ‘Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Centro Torrente Ballester do Concello de Ferrol acollerá este venres 30 de maio, o acto inaugural da exposición “Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol”. O alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela; acompañado do concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; e da comisaria da mostra, Mónica Maneiro; presentaron hoxe o contido desta nova proposta expositiva. “Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol” estará aberta á cidadanía até finais do mes de agosto, aínda que as visitas interromperanse a vindeira semana debido ás obras de mellora do Torrente Ballester que xa están practicamente rematadas na antiga capela e que agora se centrarán no lucernario do patio central destas instalacións culturais municipais.

Jose Manuel Rey indicou que Rodolfo Ucha Piñeiro “resume os devires da arquitectura de finais do século XIX e principios do XX”, e destacou deste arquitecto vigués afincado en Ferrol e que foi arquitecto municipal o feito de que “foi artífice da introdución na nosa cidade das pautas modernistas e outras correntes arquitectónicas que xurdían na época noutras cidades europeas e que soubo asumir”. Neste sentido, o rexedor municipal enmarcou esta mostra como “unha homenaxe a unha da figuras máis sobranceiras da historia de Ferrol”.

Ademais, Jose Manuel Rey agradeceu a José Ucha, familiar de Rodolfo Ucha Piñeiro e a Guillermo Escrigas, a cesión de fondos para a montaxe da mostra. Así mesmo, tamén tivo palabras de eloxio para Alfredro Vigo Trasancos, catedrático da Historia da Arte; e o profesor de Arquitectura, Fernando Agrasar Quiroga; que elaboraron o catálogo da exposición “aportándolle á mesma un carácter singular dende o punto de vista científico e académico”. Por último, o alcalde apuntou que a mostra “Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol” tamén contribuirá a consolidar a Ruta do Modernismo, un dos produtos turísticos e culturais postos en marcha polo Concello de Ferrol. Ao respecto, cómpre sinalar que hoxe en día Ferrol conta con medio centenar de edificacións que levan a firma de Ucha Piñeiro.

O titular de Cultura, Manuel-Reyes García Hutado tamén eloxiou a figura de Ucha Piñeiro destacando que o seu traballo embeleceu as nosas rúas e fixo de Ferrol unha cidade Modernista, característica que se une ao feito de ser unha cidade que ten as súas orixes como tal na época da Ilustración. “Cando paseamos pola cidade, todos aqueles edificios que nos chaman a atención e fan de Ferrol unha cidade singular son de Rodolfo Ucha Piñeiro”, indicou o edil, que puxo como exemplos construcións como o Teatro Jofre, a Casa Romero e o Casino Ferrolán.

Contido da mostra

“Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol” é un repaso documental e fotográfico pola pegada arquitectónica que este arquitecto municipal deixou na cidade en que se asentou. Así, a mostra divídese en tres etapas de Ucha Piñeiro: a modernista (1909-1916), a ecléctica (década dos anos 20) e a racionalista (a partir da década dos 30). Ademais, a proposta expositiva complétase con instantáneas sobre a obra de Ucha Piñeiro feitas por Ovídeo Aldegunde.

A apertura da mostra terá lugar este venres, día 30 de maio ás 20.30 horas coa presenza do alcalde de Ferrol, Previamente, ás 19.30 horas terá lugar no propio Centro Torrente Ballester unha conferencia de introdución á exposición a cargo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Alfredo Vigo Trasancos.

28 de maio de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.