O Centro Arqueolóxico da Caeira recibiu máis de 2900 visitas
A Concellería de Turismo do Concello de Poio informa sobre as visitas que se levan contabilizadas neste ano 2014 ao Centro Arqueolóxico da Caeira. O próximo mes de xuño celébrase o quinto aniversario da inauguración do Centro de Interpretación e da Área Arqueolóxica da Caeira. Dende a súa apertura, máis de 2900 persoas visitaron as instalacións situadas na oficina de turismo do Casal de Ferreirós e da Área Arqueolóxica ubicada na Caeira.
A afluencia de turistas interesados na arqueoloxía e nos gravados rupestres da zona viuse incrementada notablemente nestes últimos meses ata chegar a acadar a mencionada cifra, de feito, máis de 80 persoas visitaron o Centro de Interpretación o pasado mes de abril e as dúas primeiras semanas do presente mes de maio.
De todos estes visitantes, un 65% dos mesmos visitaron o centro formando parte dalgún grupo, mentres que o 35% foron de visitas de carácter individual.
O feito de tratarse dun Centro totalmente gratuíto anima ós visitantes a coñecer os petróglifos situados no noso municipio.
Os gravados rupestres da Caeira están incluídos na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) destacando así, a súa importancia como parte do patrimonio arqueolóxico da nosa Comunidade Autónoma.
As visitas ó Centro de Interpretación e á Área Arqueolóxica da Caeira constan de dúas partes, a primeira consiste na visita á aula de interpretación que conta con diferentes paneis explicativos, réplicas de obxectos pertencentes á Idade de Bronce así como unha réplica a tamaño natural do petroglifo Pozo Ventura.
Na mesma aula de interpretación proxéctase un vídeo informativo sobre a Idade de Bronce e os petroglifos.
A visita ó centro arqueolóxico continúa co paseo pola Área Arqueolóxica da Caeira, un espazo recuperado no que se poden contemplar algunhas das pedras máis relevantes desta importante estación de arte rupestre.
O seu acondicionamento mediante a creación dun sendeiro, a construción de plataformas para facilitar a visión dos petróglifos e a instalación de paneis informativos pretende proporcionarlle ó visitante unha experiencia, ao tempo, didáctica e lúdica.











