O Ceip A Igrexa Calo acolle a proxección do vídeo didáctico sobre o Museo da prehistoria
A comunidade educativa de Calo está de noraboa. Este venres 30 de maio presentan o vídeo realizado sobre o Museo da prehistoria. O acto está dirixido ás familias do alumnado de 6º de infantil do CEIP A Igrexa Calo, os verdadeiros artífices deste museo. O vídeo vaise proxectar no aulario de infantil en dúas sesións, ás 18:00 horas e ás 19:30 horas.
O Museo da Prehistoria de Calo naceu a principio deste curso 2014 a raíz da pregunta dunha nena sobre a imaxe dun petróglifo. Desa inquietude infantil saíu a proposta que as mestras lles farían ás familias. Traballar sobre a prehistoria. E sen dúbida a resposta das nais e pais dos nenos e nenas de cinco anos de Calo superou calquera expectativa. Foron quen de facer máis de 100 pezas a través das que recrearon os obxectos, útiles e maquetas para explicar a prehistoria.
Ese é o eixe central sobre o que traballaron durante meses para aprender todo sobre esta etapa. Durante eses meses o alumnado de cinco anos ademais de coñecer a vida dos primeiros homínidos foron quen de explicalo diante dunha cámara. Desa iniciativa sae un vídeo que se poderá ver por primeira vez este venres no que cada un dos 43 nenos/as participantes son os guías do seu propio museo.
Á vista do resultado final o colectivo de nais en colaboración permanente coas mestras acordaron traballar para que este material non quedase esquecido en cada casa xa que a idea inicial era que cada alumno levara de volta a peza que prepara coa súa familia. Grazas a este traballo dende que remate o curso o 20 de xuño este traballo poderase ver fóra do centro. Neste momento xa teñen confirmado que a mostra estará no local de SR de Calo, no Corte Inglés de Santiago que ademais financiou as camisetas de guías para os rapaces, no CSC do Ensanche, no Mupega, no instituto Rosalía de Castro e no Parque Arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro.
O Museo da Prehistoria de Calo ten más de 100 pezas e nel pódense ver dende instrumentos musicais da época, ferramentas, elementos como teares ou fornos, as roupas daquel momento prehistórico ata unha maqueta do petróglifo de Cornide (Teo).
Os promotores desta idea, mestras e familias, queren agradecer a colaboración e o patrocinio ao CEIP A Igrexa Calo, á ANPA A Rabadela, ó Concello de Teo, ó GADIS e ó Corte Inglés. Merecen unha mención especial os colaboradores técnicos Lola Fernández co deseño gráfico, Mónica Cisneros coa coreografía e dirección dunha danza tribal que os/as nenos/as bailaron no entroido e Patricia Castelao, encargada das relacións externas. Cabe destacar tamén a entrega do realizador do vídeo Carlos Dávila cun mérito especial por ter traballado cun colectivo de nenos e nenas de cinco anos durante semanas de gravación.