O CCA zona Obelisco da Coruña escollen a tenda de roupa Zalo como a favorita de ‘Máis que comercio!’
A tenda de roupa Zalo, situada na rúa de San Andrés, foi elixida o comercio favorito polos participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de abril nos establecementos asociados ao centro comercial aberto Zona Obelisco da Coruña.
Este negocio familiar, que abriu as súas portas na cidade no ano 2004 e que conta con 25 anos de traxectoria e nove tendas por toda a xeografía galega, foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu establecemento preferido, chegando a rexistrarse ao longo do mes no espazo do CCA Zona Obelisco máis de 3.000 participacións.
No acto no que se entregaron tanto o diploma ao establecemento máis votado como os agasallos conseguidos polos clientes participaron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Vázquez Abeal salientou que, ademais de resaltar o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo destacar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. Esta iniciativa da Consellería de Economía e Industria está a percorrer Galicia ao longo deste 2014, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos de diferentes localidades galegas.