O CCA de Lalín premia os clientes na iniciativa ‘Máis que comercio!’

Presentación campaña Máis que Comercio! en Lalín
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta mañá que a iniciativa de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá no centro comercial aberto de Lalín durante todo o mes de maio, busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.
As persoas que merquen nos negocios asociados ao centro comercial aberto da vila dezá ao longo do mes recibirán un cupón por cada 5€ de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir unha tarxeta regalo de 200 euros e outras dúas de 100 euros para mercar no comercio local, ademais de outros agasallos. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, resaltando os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.
Ao mesmo tempo, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.











