O C.C. Arousa organiza dous talleres de creación de cestos
O Centro Comercial Arousa celebrará mañá mércores o primeiro dos dous talleres teórico-prácticos de creación de cestos que terán lugar, de 20:00 h. a 22.00 h., na segunda planta, e nos que se ensinará aos participantes a dominar diferentes técnicas coas que tecer funcionais cestos e pór a proba as súas habilidades creativas.
Os cursos, de carácter gratuíto e prazas limitadas, estarán impartidos pola bloguera de Vigo Ana Tenorio, creadora do blog Homemadetalleres (www.homemadetalleres.com), que introducirá aos asistentes na elaboración de diversos modelos de cestos, moi útiles para gardar todo tipo de obxectos.
A primeira sesión arrincará mañá co taller deiniciación ao ganchillo XXL, no que os participantes aprenderán a fabricar un cestón empregando a técnica do tecido en redondo, unha das máis populares pola súa versatilidade, xa que se pode empregar tamén na confección dunha gran variedade de pezas como gorros ou alfombras. Para iso, utilizaranse materiais de algodón e unha agulla de gran tamaño.
O mércores 21, a cestaría téxtil será a gran protagonista. Tenorio guiará aos asistentes na creación dun orixinal bolso de praia, feito a base de fibras naturais como a corda de yute e o algodón, e para cuxa confección utilizarán unha técnica que combina o bordado e o macramé coa que se obteñen volumes e texturas diferentes.
Como complemento, Tenorio mostraralles como interpretar un patrón gráfico co obxectivo de que o público asistente poida continuar tecendo todo tipo de cestos nas súas casas.
O centro fornecerá aos asistentes o material e útiles necesarios para a realización dos diferentes cestos que se elaborarán in situ.
Para participar, é necesario encher o formulario de inscrición situado na sección de noticias de www.ccarousa.com.
Sobre Ana Tenorio
Ana Tenorio é Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Vinculada ao mundo da publicidade, o deseño gráfico e a ilustración, centrou a súa profesión no mundo da costura, especialmente na técnica do ganchillo.
É autora de Homemadetalleres (www.homemadetalleres.com), un blog no que informa sobre os diferentes talleres que imparte -ganchillo, calceta, bordado, costura a máquina ou estampación cerámica-, e conta cunha tenda online desde a que vende todo tipo de ferramentas e materiais para pór en práctica os coñecementos adquiridos nos cursos.











