O BNG “esixir dimisións” nunha concentración ante a Casa do Concello de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Manifestación do BNG

Manifestación do BNG

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; a deputada Ana Pontón e o voceiro municipal, Rubén Cela; xunto a outros membros da formación nacionalista e do sindicato CIG, concentráronse ante as portas do Concello de Santiago para esixir dimisións tras ratificarse que os sete edís do PP imputados por suposta prevaricación terán que sentar no banco. “É hora de dimisións e é hora de que se deixe paso a unha corporación limpa”, proclamou Vence.

En declaracións aos medios de comunicación, diante dunha pancarta co lema ‘Goberno municipal dimisión’, o voceiro nacional do Bloque subliñou que “xa non hai tempo para esperar máis”, debido á apertura de xuízo oral por un suposto delito de prevaricación a sete concelleiros por autorizar o pagamento da defensa ao edil de Deportes, Adrián Varela, imputado na ‘Operación Pokémon’, que viu como “a gota que reborda o vaso” por “tódolos demais casos”.

Así, Xavier Vence referiuse “aos demais casos”, como “os cinco expedientes abertos, os cinco sumarios abertos que hai a 10 concelleiros deste grupo municipal”. “Non é simplemente este xuízo, é todo o conxunto de casos de corrupción que afectan a practicamente todo o grupo municipal do PP, que obriga, dende o noso punto de vista, a tomar medidas sanitarias. E a primeira medida sanitaria é que se vaian”, incidiu.

Neste sentido, instou ao titular da Xunta e dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, a “actuar” e “intervir dunha vez” en cumprimento “polo menos” das “promesas” do seu partido, ou ben a dicir se “o modelo de goberno corrupto de Santiago é o modelo do PP”. “Se ten a valentía de defender isto, que o diga claramente e a cidadanía saberá a que aterse”, sinalou, antes de repetir que, ao seu xuízo, “é necesario que haxa dimisións inmediatamente”.

Para o Bloque, a capital galega “non pode soportar máis esta imaxe de corrupción absoluta”, despois de que pasase por ela o exalcalde Gerardo Conde Roa e deixase “unha imaxe que deteriorou gravemente a imaxe da corporación”.

“BOCHORNO” DOS VECIÑOS

Pola súa banda, o voceiro municipal Rubén Cela resaltou que o seu grupo o que fará é o que fixo “dende o primeiro momento”, “que, segundo dixo, é denunciar a situación absolutamente insostible que vive este Concello na rúa, nas institucións e onde faga falta”.

“Creo que está nas mans do señor Núñez Feijóo, algo terá que dicir do que pasa no Partido Popular de Santiago para que os veciños de Santiago non teñan que pasar o bochorno, a vergoña de ver ao seu goberno sentado no banco dos acusados”, finalizou.

8 de maio de 2014 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.