O Azkar Lugo Cadete proclámase campión da liga autonómica e o Fundación Benxamín campión provincial

Encontro no que o Azkar Lugo benxamíns se proclamou campión. Foto: pronelugoad.com
Bo fin de semana para os equipos de base e así dous deles proclamáronse campións. Por unha banda o Azkar Lugo cadete fíxose co título de liga tras vencer na última xornada da liga autonómica e así puido levantar o título de campión por sétimo ano consecutivo. Pola súa banda o Azkar Fundación benxamín clasificouse brillantemente para o campionato galego tras este sábado lograr o campionato provincial da súa categoría.
O cadete non fallou
O Azkar Lugo cadete chegaba dependendo de si mesmo á última xornada e os xogadores que dirixe Félix Julio non fallaron. Os lucenses impuxéronse ao Troula Betanzos na xornada que decidía o campionato e así acabaron vencendo con comodidade (5-0) para non dar lugar a sorpresa e finalizar a liga con 75 puntos, catro de vantaxe sobre o Vigo 2015 que foi segundo na táboa.
Ante o Troula Betanzos os lucenses definiron na primeira metade. Sabendo o que había en xogo, lograr o título, a concentración dos azuis foi máxima desde o primeiro momento e iso permitiulle mandar desde moi pronto no marcador e chegar con vantaxe ao descanso. No segundo periodo os pronistas confirmaron o seu bo partido con novos goles para acabar sentenciando no inicio da segunda parte e así acabar cantando o ¡campións, campións!.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 5: Esmorís, Pablo, Rodrigo, Marcio e David, -cinco inicial-, Yago, Adrián, Jesús, Marcos, Dani Pérez e Carlos.
Troula Betanzos 0: Alfonso, Pablo, Miguel, Fran e Dani, -cinco inicial-, Quintanilla, Fernando, Pedro, Martín e Esteban.
Árbitro: Franco Veiga (Lugo).
Incidencias: 30ª xornada da liga autonómica cadete. Centro Deportivo Terra.
Goles: 1-0 min. 9 Yago, 2-0 min. 18 Pablo, 3-0 min. 27 Roi, 4-0 min. 29 Marcio e 5-0 min. 42 Marcio.
Os lucenses convértense polo tanto en campións de liga e fano por sétimo ano consecutivo o que fará que os azuis sexan o representante galego nesta categoría nos Campionatos de España de clubs que este ano se disputarán en Ávila do 6 ao 8 de xuño.
O Fundación benxamín, campión provincial
Este pasado sábado o Pavillón Municipal de Guitiriz acolleu os campionatos provinciais de fútbol sala.
O Azkar Fundación benxamín foi o vencedor nesta categoría e polo tanto será o representante lucense no campionato galego. O equipo dirixido por José González eliminou na tanda de penaltis ao Santiago de Foz, tralo 2-2 final, mentres que na gran final derrotou ao Maristas por 4 goles a 2.
As fases finais do campionato galego disputaranse este próximo domingo 18 de maio na localidade ourensá de Celanova.











