O Auditorio de Vilagarcía acolle a fase previa da IV Mostra Musical do Eixo Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle mañá a fase previa da IV Mostra Musical do Eixo Atlántico, un certame de carácter transfronteirizo no que participarán 250 músicos noveis procedentes de conservatorios e escolas de música de 15 municipios de Galicia e Norte de Portugal. Doce solistas e seis agrupacións pasarán á final que se celebrará o domingo. A participación do Conservatorio de Vilagarcía tradúcese en catro solistas nesta Mostra que está dedicada ao compositor local Elixio Vila.

A Mostra comezará coas fases previas do sábado, que se abren pola mañá coas audicións das catro categorías da modalidade de solistas. As probas desdobraranse, polo que formaranse dous xurados cada un dos cales avaliará dúas categorías. O sábado pola tarde terán lugar as audicións das agrupacións nas modalidades de cámara e agrupacións maiores. Ao remate da xornada daranse a coñecer os tres concursantes de cada categoría que pasarán á final do domingo (doce solistas e seis agrupacións). Esta comezará ás 9 da mañá e desenvolverase durante ata a hora do almorzo.

O acto de clausura comezará ás cinco da tarde e consistirá no concerto que ofrecerá Banda Filharmónica do Salnés por xentileza da Deputación Provincial. A formación interpretará Ollantay, a obra do compositor arxentino Alberto Ginastera e que se inspira na cultura maia; e rematará coa interpretación da “Rapsodia Arousá” composta por Eligio Vila, o autor natural de Portas afincado en Vilagarcía ao que se rende homenaxe neste acto. Vila Vázquez estreou esta obra en maio de 2007 no Auditorio de Galicia. A batuta da Banda Filharmónica do Salnés levaráa para a ocasión o director invitado, Rafael Agulló Albors.

A continuación procederase á lectura do fallo do xurado e á entrega dos premios aos gañadores da IV Mostra Musical do Eixo Atlántico.

Catro solistas do Conservatorio de Vilagarcía

A participación de Vilagarcía concrétase nos catro solistas seleccionados polo Conservatorio: Elena Rodríguez Oubiña (violín), Alba Piñeiro lago (frauta), Adrián Martínez Vieites (bombardino) e Juan José López Pereira (clarinete). Na anterior edición da mostra, a agrupación Chalumiaiux, do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía foi a gañadora na categoría de agrupacións de cámara.

Na cuarta edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico participan músicos de escolas e conservatorios de música das cidades de Santiago, A Coruña, Vilagarcía, Ribeira, Porto, Mirandela, Vila Real, Gaia, Chaves, Paredes, Vila de Conde, Viana do Castelo e Penafiel, Formalicao.

Unha iniciativa exportada por Vilagarcía

A Mostra Musical do Eixo Atlántico xorde como evolución da Mostra de Xóvenes Intérpretes que hai anos se organizaba en Vilagarcía con carácter local. O Concello quixo potenciar este certame e expandilo xeograficamente, polo que presento a iniciativa ao Eixo Atlántico que a acolleu con grande interese e converteu en transfronteiriza. Como promotora da Mostra, Vilagarcía ostenta a sede permanente da final deste certame que organiza o Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía xunto coa Concellería de Educación.

Coa Mostra Musical preténdense fomentar as relacións transfronteirizas a través da educación musical, así como dar a coñecer aos músicos noveis e o traballo que se está a realizar dende as escolas de música e conservatorios das cidades do Eixo. Os obxectivos da Mostra son os de recoñecer, premiar e difundir a práctica da música, así como apoiar e motivar aos xóvenes músicos e intérpretes, dándolles a oportunidade de compartir experiencias, aprender e competir nun certame que conta cun elevado nivel.

9 de maio de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.