O alcalde do Carballiño inaugura o IX congreso do Centro de Estudos Chamoso Lamas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+
Inauguración do congreso "Verbo Conxugado"

Inauguración do congreso “Verbo Conxugado”

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, deu a benvida aos participantes inscritos no IX congreso do Centro de Estudos Chamoso Lamas, que este ano ten como eixo vertebrador o presente, o pasado e o futuro da investigación. O máximo rexedor agradeceu aos membros do centro de estudos o esforzo por organizar unha cita científica como a que se desenvolverá no Carballiño durante este tres días “por que sitúa ao Carballiño no centro da investigación galega , nacional e internacional. Ademais , e grazas a este congreso, a vila e a comarca do Carballiño teñen unha resonancia fóra das nosas fronteiras, ampliando o noso horizonte turístico”. Agradeceu tamén o alcalde o apoio da universidade de Vigo neste congreso “xa que sen esta institución quedaría incompleto o esforzo dos membros do Centro de Estudos Chamoso Lamas”.

Xunto co alcalde inauguraron este congreso o presidente do Centro de Estudos Xosé Luís Sobrado, e o profesor titular de análise e intervención psicocosioeducativa da universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid. O presidente do centro de estudos destacou, como tamén fixo o alcalde “os 20 anos que cumprimos como centro de estudos que se celebran con esta edición do noso congreso que vai reunir a máis de 90 participantes e vainos a permitir escoitar grandes relatorios e grandes relatores”.

Pola súa banda Xosé Manuel Cid lembrou a importancia deste tipo de congresos, e máis aínda esta edición “na que achegaremos as novas políticas educativas que se están desenvolvendo desde o noso campus”. Precisamente Xosé Manuel Cid foi o primeiro relator deste congreso cun relatorio que virou sobre a evolución da historiografía da educación en Galicia e a súa situación actual.

16 de maio de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.