O alcalde do Carballiño finaliza os encontros sectoriais nos que expón os avances do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño finalizou hoxe os encontros sectoriais cos distintos colectivos para exporlles o avance da modificación do plan xeral de ordenación urbana.

Estes encontros comezaron a pasada semana cunha primeira reunión cos portavoces municipais dos grupos con representación no concello e os redactores deste avance. Posteriormente, este pasado martes, mantivo a mesma reunión pero esta vez coa federación de asociacións de veciños, e o mércores cos promotores e construtores da vila. Nestas dúas reunións estiveron tamén os redactores do avance que foron os que explicaron os pormenores do mesmo.

Marnotes sinalou en cada unha destas reunións que, o principal obxectivo era o de poder escoitar cantas suxestións e melloras se puidesen achegar ao avance, para desta forma remitir á Xunta de Galicia un documento acorde coas necesidades dos veciños e os profesionais do municipio carballiñés. Por este motivo o avance foi colgado na web municipal nada máis finalizarse, e na mesma web permítese xa realizar suxestións.

Para as próximas semanas está previsto celebrar reunións en cada unha das parroquias do Carballiño, dando así unha maior información a todos os veciños, e facilitando o acceso desta a todos eles, sen que se teñan que desprazar ata a capital municipal.

Outra das previsións informativas deste avance estará nos institutos da vila, onde acudirán os redactores para explicar aos alumnos que é un plan xeral, para que serve, e a súa importancia no desenvolvemento do carballiño futuro, o que eses alumnos vivirán.

21 de maio de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.