O alcalde de Vigo encantado con que Pastor “rectifique” sobre as rutas aéreas de Peinador
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou estar “encantado” de que a ministra de Fomento, Ana Pastor, rectificara en “soamente dous días” e este xoves anunciara que Aena está a traballar para establecer seis rutas internacionais dende o aeroporto de Vigo.
O rexedor recordou que a principios desta semana, Pastor declarara a súa intención de que Santiago sexa “unha verdadeira terminal internacional, porque é a capital e o referente”, e aplaudiu a ministra por dirixirse “á senda do ben e da defensa” de Peinador.
“En Santiago dicía unha cousa e en solo dous días rectificou; cando rectifican para acertar estou encantado”, insistiu Caballero, que se mostrou satisfeito con que as rutas novas sexan Londres, Múnic, Nantes, Basilea, París e Bruxelas.
Sobre estas dúas últimas, recordou que dende Vigo xa existe a ruta a París –aínda que pretenden ampliar o número de voos a dous ou tres–, e que Bruxelas ten que ser considerado voo público e, polo tanto, ten que estar financiado.
Finalmente, reiterou que volve estar encantado coa política da ministra de Fomento sobre aeroportos, pero esixiu que as palabras de Pastor “vaian de verdade” e que non sexa unha frase electoral” e o día 26 se vexa que esquece”.
“BENVIDA” AO BNG
Así mesmo, tamén deu a “benvida ao BNG á defensa de Vigo”, despois de que este mércores a formación anunciase que presentará no próximo pleno do concello unha moción para mostrar o seu “apoio inequívoco” ao aeroporto e para potencialo como ferramenta competitiva, sostible, de benestar e prosperidade económica e turística para Vigo e Galicia.
Non obstante, o alcalde criticou que “esa moción di exactamente o contrario do que o Bloque viña dicindo ata agora”. “Resulta difícil entender por que nos quitaron do presuposto do ano pasado os apoios ao aeroporto de Vigo que ían exactamente na liña que eles demandan hoxe”, apostilou.
Neste sentido, criticou tamén que, ata agora, o Bloque na Coruña apoiaba ao aeroporto de Alvedro e en Vigo non apoiaba o aeroporto de Peinador. “Unha vez que descubrimos a súa trampa e a súa mentira, agora vense obrigados a apoiar o aeroporto de Vigo, benvido sexa”, finalizou.