O alcalde de Santiago ve “inxusto” que se procese aos edís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, o popular Ángel Currás, considerou “inxusto” que os sete edís aos que se lles imputa un suposto delito de prevaricación teñan que sentar no banco, pero confiou en que “continúen nos seus postos, traballando, posto que neste momento o único que hai é un expediente disciplinario”. “Transfórmase de expediente informativo a disciplinario e nada máis, ata que haxa unha sentenza,”, aseverou.

Currás, preguntado polos medios de comunicación tras reunirse con empresarios da provincia da Coruña, destacou que “o Partido Popular foi claro” e “se están a aplicar estritamente os estatutos do partido” no caso dos sete concelleiros que foron imputados tras aprobar o pagamento da defensa a outro edil implicado na ‘Operación Pokémon’. “E, polo tanto, sentarán como concelleiros”, subliñou.

Ademais, afirmou que falou co titular da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, tras coñecer o auto da Audiencia Provincial que desestimou o recurso dos sete edís. O rexedor transmitiulle unha mensaxe de “confianza” na presunción de inocencia dos seus compañeiros, pero non desvelou o que lle dixo o presidente do PPdeG.

Así as cousas, tras expresar o seu “respecto” polo auto da Audiencia, o alcalde santiagués afirmou “lamentar e sentir que eses concelleiros teñan que acudir a xulgado o día 19” pero mostrouse “seguro” de que “se a xustiza ten a mesma confianza” que ten el “na presunción de inocencia deles, pois a sentenza será favorable”. “Iso é o que espero e desexo”, incidiu.

Sobre se coincide coa valoración da concelleira Reyes Leis, respondeu que si, que cre que é inxusto” que teñan que sentar no banco dos acusados. “Pero eu confío tamén na xustiza”, insistiu.

“A IMAXE DE SANTIAGO NON É A DO XULGADO”

Por outra banda, en canto ás críticas da oposición sobre a imaxe que dá Compostela con esta situación, Ángel Currás replicou que “a imaxe da cidade non é so a do xulgado”, algo que confrontou cos investimentos que aproba a xunta de goberno, de case 2 millóns esta semana e superior a 1,5 millóns a que vén. “Iso quere dicir que estamos a traballar e buscando resolver os problemas de Santiago”, sentenciou.

Afondou nesta cuestión ao criticar que “a imaxe da cidade que quere trasladar a oposición é a da algarada e os xulgados”. Non obstante, segundo subliñou, “a imaxe da cidade é a de ter aquí un primeiro ministro de Xapón a semana pasada, é a de ter unha delegación xaponesa esta semana de case 40 persoas, de aprobar hoxe en xunta de goberno investimentos por case 2 millóns de euros, a semana que vén case outros 2 millóns. Esa é a imaxe, a dun traballo serio e rigoroso de todo un grupo de goberno por Compostela”, fixo fincapé.

Por último, insistiu en que “sempre” ten confianza nos seus colaboradores e concelleiros e rexeitou facer “futuribles” sobre o que acontecería se a sentenza declara os sete edís culpables. “Cando iso aconteza falaremos”, resolveu, antes de engadir que “neste momento son concelleiros que terán que ir o día 19 ao xulgado e nada máis”.

8 de maio de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.