publicidade hoxe

O alcalde de Ponteceso propón para declarar a Festa do percebe de Corme como Festa de Interese Turístico de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPonteceso
A-
A+
O alcalde de Ponteceso no encontro coa delegada territorial da Xunta

O alcalde de Ponteceso no encontro coa delegada territorial da Xunta

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo, que lle trasladou a proposta, así como a documentación necesaria para iniciar a súa tramitación, para conseguir que a Festa do Percebe de Corme sexa declarada como Festa de Interese Turístico Galego.

Neste sentido, Do Campo explicou que nos próximos días remitirá o expediente á Axencia Turismo de Galicia, no que se incluirá un informe elaborado desde a propia Delegación Territorial e o acordo alcanzado por unanimidade do pleno municipal para dar traslado a esta petición, co fin de que a comisión encargada de determinar a súa declaración adopte unha decisión.

A máxima representante do Goberno galego na Coruña e o rexedor coincidiron na importancia desta celebración de carácter gastronómico que ensalza a calidade do percebe do Roncudo, que se celebra na primeira quincena do mes de xullo na vila desde o ano 1992 –foi a primeira destas características que se organizou en España- e que supón un importante atractivo turístico non só para o municipio, senón para o resto da comarca.

Na mesma liña, Do Campo sinalou que a declaración dunha festa como de interese turístico autonómico ten importantes repercusións sobre a dinamización económica e social da localidade onde se celebra esta. Esta declaración constitúe ademais un recoñecemento especial ao evento festivo, o que supón que acada unha difusión que trascende os ámbitos territoriais propios e contribúe á promoción de todos os recursos turísticos da área na que se sitúa.

12 de maio de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.