O alcalde de Ponte Caldelas reúnese co comité de empresa de Tafisa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde de Ponte Caldelas na reunión con Tafisa

O alcalde de Ponte Caldelas na reunión con Tafisa

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu aos membros do comité de empresa de Tafisa no seu despacho da Casa Consistorial, acompañados polos sindicalistas Xaquín Agulla (CIG) e Ramón Vidal (UXT). O rexedor seguiu con atención as explicacións sobre a situación na que se atopa a empresa e lles manifesto todo o seu apoio á vez que se comprometeu a realizar todas aquelas xestións coa empresa, a administración provincial e autonómica co fin de contribuír a buscar unha solución a este conflito laboral que impida o peche definitivo desta factoría instalada na Reigosa.

Perfecto Rodríguez coincidiu co comité de empresa de Tafisa en valorar que esta situación supón un importante revés para o desenvolvemento industrial e solidarizouse co esforzo que levan a cabo os traballadores para atopar unha solución de continuidade e evitar que desapareza os 60 de postos de traballo que xera esta factoría.

O rexedor mostrouse preocupado pola situación e manifestou o seu desexo de entrevistarse con responsables da fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas co fin de coñecer de primeira man as circunstancias da decisión tomada pola empresa de dar por concluído o proceso produtivo nas instalacións da Reigosa.

Tamén se interesará por este tema ante organismos provinciais e autonómicos co fin de solicitar toda a información necesaria para tentar atopar, entre todos os axentes sociais unha solución a esta difícil situación que pode provocar o peche definitivo de Tafisa en Ponte Caldelas.

20 de maio de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.