O alcalde de Nigrán visita a rodaxe de “La playa de los ahogados” co escritor da obra e o director da película

O alcalde de Nigrán xunto ao escritor da obra e ao director da película
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou a rodaxe da película “La playa de los ahogados” en Panxón, coincidindo co autor da obra, o escritor Domingo Villar, e o director da película Gerardo Ferreiro. Na súa visita, o rexedor municipal agradeceu á produtora seleccionar Nigrán como o principal escenario de rodaxe do filme, “pola actividade e a vida que está a dar ao municipio, pero de forma especial polos postos de traballo que xera para os nosos veciños”, apunta Valverde.
Segundo datos facilitados pola produtora da película, máis dun centenar de veciños deste municipio están a traballar ou colaborando na rodaxe do filme, “16 persoas mediante contratación directa e outras 100 colaboran como figurantes”, agrega o rexedor.
A pesar das limitadas competencias que ten a administración local para a xeración directa de postos de traballo, “o goberno municipal traballa día a día para xerar actividades ou actuacións que creen postos de traballo para os nigranenses, e a rodaxe desta película ou a celebración de eventos como PortAmérica son un claro exemplo”, sinala Valverde.
Neste sentido, o rexedor municipal lembra o dato avanzado onte contemplado na proposta de orzamento que o goberno municipal levará ao pleno deste mes, “que é incrementar en máis dun 500% a partida de emprego co fin de abrir liñas de subvencións para autónomos así como a posta en marcha de bolsas laborais para os mozos titulados a realizar no propio concello”, engade.
A estas iniciativas súmase unha cifra facilitada o pasado mércores polo Consorcio da Zona Franca de Vigo no contexto da inauguración das novas instalacións de INEO en Porto do Molle, que mostra un incremento de postos de traballo na contorna do parque empresarial, que paso de xerar 80 postos de traballo en 2012 a máis de 500 na actualidade, “un incremento especialmente significativo si atendemos aos tempos díficiles que vivimos nos dous últimos anos”, puntualiza o rexedor.
Promoción turística
A xeración de emprego non é o único beneficio que a rodaxe de “La playa de los ahogados” trae a Nigrán, e así llo trasladou o rexedor á produtora na súa visita. “A rodaxe desta película en Nigrán axudará a proxectar e promocionar a imaxen da localidade a nivel nacional, polas espectativas e a repercusión mediática que está a xerar, pero sobre todo porque descubrirá aos espectadores a beleza natural e paisaxística deste concello”.