O alcalde de Monforte deféndese ante as críticas e afirma que nunca utiliza o vehículo oficial para uso particular
O alcalde cualifica de insidia e difamación a moción presentada polo grupo municipal do PSOE acusandoo de utilizar o coche oficial do Concello para uso particular.
Severino Rodríguez considera que a presentación desta moción só se debe a qué “para os grupos da oposición xa hai meses que comezou a campaña das próximas eleccións municipais”, engadindo qué “o obxectivo é claro: acoso e derribo do alcalde sen importar o tipo de acusacións nin o fundamento das mesmas”.
Rodríguez sinala que a estratexia dos grupos da oposición resulta evidente dende xa hai meses e que a súa actitude belixerante irá aumentando conforme nos acheguemos ás datas das eleccións municipais. O máximo responsable do Goberno Municipal manifesta qué “o voceiro do PSOE é coñecedor dos réditos que poden dar os coches oficiais en campaña electoral”.
O alcalde non remata a súa xornada a unha hora determinada, estando ó servizo do Concello as 24 horas do día. O rexedor utiliza o coche oficial para os desprazamentos vinculados con xestións municipais, tanto en Monforte como fóra da cidade. A cotío desprázase por diferentes barrios da cidade e polas parroquias do Concello para atender as demandas da veciñanza.
Outra das críticas que os socialistas verten na súa moción refírese á utilización doutro vehículo municipal por parte do exconcelleiro Xosé Manuel Pavón.
Sobre esta cuestión o alcalde manifesta qué “o Sr. Pavón estivo exercendo como concelleiro durante 11 anos, tempo no que o voceiro do PSOE non formulou ningunha queixa ó respecto da utilización do vehículo municipal”. Severino Rodríguez engade “paréceme de moi mal gusto e de nula cortesía política que se inclúa nesta moción a unha persoa que xa non forma parte da Corporación nin do Goberno Municipal”.











