O alcalde de Lalín reúnese cos responsables do Exército do Aire para proporlles a cesión de material relacionado con Loriga para o Pazo de Liñares
O alcalde de Lalín tamén lle propuxo aos máximos responsables do Exército a posibilidade de traer a Lalín unha exposición itinerante que o Exército do Aire ten en marcha este ano con motivo do 75 aniversario O primeiro edil lalinense tamén aproveitou a súa viaxe á capital madrileña para desprazarse ao Adif e interesarse polo asunto das escombreiras. Desde Adif indicáronlle que están preparando un convenio de arrendamento o menos oneroso posible para os intereses municipais.
O alcalde de Lalín, José Crespo, sinala que “hoxe despraceime a Madrid á sede central do Exército do Aire do Ministerio de Defensa para iniciar negociacións para que desde o Ministerio nos podan ceder material relacionado con Joaquín Loriga para o Pazo de Liñares”. Neste sentido Crespo precisa que “se trata de que nos deixen material, tanto se poden ser os orixinais, como se non puidese ser, que nos deixasen os documentos para poder escanealos ou fotocopialos co fin de destinalos a unha sala específica de Loriga no Pazo”.
O primeiro edil lalinense indica que “apreciou boa disposición por parte do Ministerio” e afirma que “agora imos ver de que documentación dispoñen no Museo do Aire e noutras dependencias do Ministerio -hai documentación que non está no Museo- para preparar un convenio entre o Concello e o Ministerio para que nos podan ceder este material”.
“Tamén por parte dos responsables do Exército do Aire informáronme das posibilidades de que Lalín acollera unha exposición itinerante dedicada á Aviación e ao Exército do Aire que este ano celebra o seu 75 aniversario da súa creación”, subliña. “Comentáronme que a dita exposición desprazarase a diversas cidades; manifesteille que a nosa intención para que, se é posible, Lalín sexa unha das localidades que acolla esta exposición itinerante ao longo do ano 2014”, afirma. “Incluso lle suxería que como a exposición está contida dentro dunhas vitrinas expositoras, o sitio ideal sería o propio Pazo de Liñares -tería que ser despois de setembro no que está prevista a inauguración- e se non puidese ser Liñares por razóns loxísticas, o Auditorio”, precisa.
“Na reunión de hoxe iniciamos as negociacións para ver a posibilidade de poida vir a Lalín a dita exposición itinerante dos 75 anos do Exército do Aire e tamén para ver a opción de que nos cedan pezas do Museo do Aire relacionadas con, Loriga -como puidese ser documentación do voo Madrid-Manila-; coa aviación en Galicia ou cos inicios da aviación”.
Crespo tamén aproveitou para recordarlles aos responsables do Exército do Aire que temos cedido un avión “a ver se o puideramos traer para poñer na rotonda do Agro de Lalín de Arriba”.
CONVENIO DE ARRENDAMENTO
O rexedor lalinense comentou que “aproveitando a viaxe a Madrid a reunirme co Exército do Aire tamén me despracei ao Adif para interesarme sobre a posibilidade do alugamento das escombreiras do AVE para facer diferentes actuacións”. “Informáronme que están a piques de preparar o convenio para, namentres non se poda asinar o convenio de cesión polo tempo que conleva o proceso de desafectación dos ditos terreos, poder ter un especial de arriendo”. Neste sentido desde Adif “indicáronme que están preparando un convenio de arrendamento o menos oneroso posible para os intereses municipais, que tería un beneficio recíproco para ambas partes, pois a Adif tamén sairía beneficiado ao manterlle as ditas áreas”.











