O alcalde de Ferrol visita a mesa petitoria da delegación local da AECC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na visita á mesa petitoria da AECC

Rey Varela na visita á mesa petitoria da AECC

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, saudou hoxe a membros da delegación local da Asociación Española de Loita contra o Cancro (AECC) que participan na mesa petitoria que situaron na rúa Real co fin de recadar fondos para esta entidade. A AECC é unha das entidades que conta co apoio económico da Administración municipal, a través da Concelleria de Benestar Social; e ademais o ano pasado e coa colaboración da Concellería de Deportes tivo lugar polas rúas da Magdalena unha carreira solidaria contra esta doenza.

Rey Varela aproveitou para subliñar a importante labor preventiva e de información que leva a cabo a asociación contra o cancro. Unha función que desenvolven dende hai anos en Ferrol e que beneficia tanto a doentes –aos que asesoran, axudan a resolver dúbidas e ofrécenlles apoio emocional-; como aos familiares, aos que dende a entidade axúdaselles a afrontar a situación e mesmo prestan apoio de atención por medio de voluntarios ou colaboran en facer xestións.

Ao respecto desta proximidade aos pacientes e familiares, un dos programas que ten en marcha a AECC é o que chama “Primeiro Impacto”, que ten como finalidade favorecer a adaptación á enfermidade do paciente e os seus familiares. Ademais desta iniciativa, a delegación ferrolá da Asociación Española de Loita contra o Cancro tamén participa en campañas con motivo do Día Mundial contra o cancro –que centra na prevención do cancro de mama-, do Día Mundial Sen Tabaco –cunha campaña para a prevención do cancro de pel-; e tamén desenvolve campañas de prevención do cancro colorrectal.

9 de maio de 2014 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.