O alcalde de Carballo e a edil de Educación reúnense coas nais e pais dos cativos que quedaron sen praza no Fogar
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de manter na Casa do Concello unha xuntanza con preto de vinte nais e pais que solicitaron praza para o curso 2014-2015 no CEIP Fogar e que quedaron sen ela. O total de nenos e nenas de tres anos afectados son 22, dos que 17 residen na área de influencia do centro, e que en principio, e á espera da celebración da Comisión de escolarización prevista para o martes 20 de maio, non poderían matricularse no Fogar e pasarían a cursar estudos ben no CEIP Bergantiños nunha nova aula habilitada despois dos traballos de ampliación, ben a través da habilitación dunha nova unidade de Educación Infantil no CEIP A Cristina.
O que defenden as nais e pais afectados é que se manteña a novena unidade de Educación Infantil que até este mesmo curso estaba funcionando no CEIP Fogar e que non a eliminen, porque de manterse a que xa hai poderían escolarizarse os nenos e nenas que quedaron fóra. As nais e pais explican que o motivo que lles dou a Xunta para suprimir esta unidade é o de aforrar custos, mais eles cren que, mentres que no CEIP Fogar xa se conta cun espazo habilitado para manter a aula, na Cristina si que habería que realizar un investimento para acondicionar unha nova.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou que “o Concello apoia totalmente ás nais e ás pais afectados” na súa defensa de “que se manteñan no Fogar as nove unidades que había até o de agora”. Así, Evencio Ferrero vén de manter unha conversa co Xefe Territorial, Indalecio Cabana Leira, para expresarlle o apoio da administración local á postura das nais e pais, que nalgúns casos deberán percorrer máis de dous quilómetros para poder levar cada día aos nenos e nenas ao seu centro educativo de non chegarse a unha solución para que consigan obter praza no Fogar. En todo caso, a decisión definitiva tomarase na Comisión de Escolarización que se celebra o martes 20 de maio ás 10.00 horas no CEIP Fogar, e na que se transmitirán as directrices da Xunta para asignar praza nun dos centros educativos do casco urbano a cada un dos nenos e nenas afectados.
Contra esa resolución, as nais e pais que o desexen poderán presentar recurso ante a Xefatura Territorial de Educación. Durante a xuntanza, os afectados e afectadas non descartaron realizar mobilizacións para facer valer a súa petición, xa que consideran que, coa eliminación dunha unidade de Educación Infantil do Fogar, a Xunta está incumprindo a súa propia normativa respecto das pautas de escolarización.











