O alcalde da Laracha recibe aos equipos prebenxamíns, campións de liga nos seus grupos

O alcalde da Laracha cos xogadores
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, recibiu no Concello aos xogadores e corpo técnico dos dous equipos da categoría prebenxamín do Laracha C.F., así como a directivos e ao presidente da entidade –José Manuel Ceide Pallas “Canito”-, despois de proclamarse ambos conxuntos campións dos seus respectivos grupos na Liga das Mariñas de fútbol-8.
O Prebenxamín “A”, adestrado por Iván Martínez, foi o absoluto dominador do Grupo 1, rematando a liga invicto tras gañar vinte partidos e empatar outros dous nas vinte e dúas xornadas disputadas, nas que sumou 205 goles a favor e soamente 14 en contra. Este equipo está formado por rapaces de segundo ano de prebenxamíns (sete anos de idade).
Pola súa parte, o Prebenxamín “B” foi o campión do Grupo 3, gañando dezaoito partidos e perdendo unicamente dous en vinte xornadas, con 76 goles a favor e 29 en contra. O equipo dirixido por Rubén Ceide está formado exclusivamente por nenos de seis anos de idade (primeiro ano de prebenxamíns).
Dáse a circunstancia de que en ambas ligas os conxuntos prebenxamíns do outro club do noso municipio, a U.D. Paiosaco, remataron nunha moi meritoria cuarta praza.
O alcalde, José Manuel López Varela, felicitou aos nenos polo éxito obtido nesta temporada e destacou a importancia de que xa desde unha curta idade teñan a posibilidade de iniciarse na práctica de moi diversas actividades deportivas, tanto a través dos diferentes clubs cos que colabora o Concello da Laracha como directamente nas escolas municipais.











