Novas actividades para dar a coñecer a UNED de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O Concello e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) programaron para o xoves día 8 de maio unha serie de actividades para dar a coñecer a universidade entre a cidadanía.

Entre as 10:00 e as 12:00 e de 16:00 a  21:00 h. levarase a cabo unha xornada de portas abertas para tódalas persoas interesadas en coñecer as instalacións da UNED.

Dende as 19:00 ata as 21:00 h. están programadas unhas charlas coloquio para informar sobre a UNED e as súas posibilidades formativas. As charlas impartiranse dende Lugo conectándo a través de vídeo conferencia coas aulas de Foz, Monforte e Viveiro.

Ás 19.00 h. haberá unha charla, de carácter máis técnico, dirixida ás direccións e ós equipos de orientación dos IES. A segunda charla, que se desenvolverá a partir das 20.00 horas, diríxese ás APAS e ós pais dos estudantes dos IES, para tratar de explicarlles en qué consiste á UNED e que servizos ofrece ó alumnado.

Trátase unha xornada divulgativa para explicar as vantaxes e as opcións que ofrece a UNED, na que participarán o director e a secretaria da UNED en Lugo, José Luis Prieto e Ana B. Traseira, respectivamente.

A UNED, que ten as súas instalacións na Casa da Cultura de Monforte dende mediados de marzo do ano 2011, atende a formación universitaria de máis de cen persoas da comarca de Lemos, brindándolles a oportunidade de ir á universidade sen saír de Monforte.

A UNED dispón dunhas instalacións amplas e céntricas, nas que se completa o ciclo formativo en Monforte, cidade na que se imparte educación infantil, primaria, secundaria e universitaria.

As actividades do día 8 de maio son unha boa oportunidade para coñecer a universidade de Monforte e a súa ampla oferta educativa, para achegarnos ás súas instalacións e valorar o que supón contar con formación universitaria sen saír de Monforte.

4 de maio de 2014 | 11:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.