Nova viaxe para os maiores de Mos
A concelleira de Participación Cidadá de Mos, Kely Monzón, informou hoxe de que se atopa aberto o prazo de inscrición na viaxe a Asturias para maiores mosenses que organiza dito departamento municipal.
A data de realización da excursión será durante os días 6, 7 e 8 do vindeiro mes de xuño e o prazo de incrición rematará o 30 de maio. Para poder formalizar a inscrición será imprescindible presentar unha copia da solicitude asinada e o xustificante de pago da reserva unha vez confirmado o empadroamento dentro do prazo de inscrición. A reserva será de 40 euros, agás para as persoas que non estean empadroadas no Concello de Mos, que quedarán en lista de espera, polo que non terán que realizar ningún pago de reserva. Estas persoas realizarán o pago do importe total unha vez que se lles confirme a asignación da praza. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello. Unha vez entregada a documentación pertinente, farase a comprobación de que se cumpren os requisitos. O día 2 de xuño farase pública a lista de admitidos para que os participantes empadroados poidan facer o ingreso restante da contía total, e as persoas non empadroadas ás que se lle conceda praza realicen o importe íntegro tendo de prazo ata o 4 de xuño. O prezo total da viaxe por persoa é de 150 euros.
“Un aspecto fundamental, e que motiva a seguir organizando cada vez máis este tipo de actividades, é o fortalecemento dos lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe” explicaba esta mañá a edil Kely Monzón.
Os obxectivos desta actividade son facilitar a posibilidade de viaxar ós habitantes do Concello de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais, facilitar espazos e recursos de ocio para os maiores, fomentar o coidado corporal e mental, favorecer o coñecemento de lugares limítrofes á nosa contorna, e promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización.
Os beneficiarios desta iniciativa son todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Non é preciso que os cónxuxes ou parellas de feito que estean inscritos no rexistro, nin cumpran os requisitos. No caso de existir vacantes poderán participar os maiores de 55 anos que non desenvolvan actividade laboral e as persoas non empadroadas en Mos. Os fillos/as discapacitados/as poden acompañar ós seus pais.
Os lugares a visitar durante a viaxe serán Luarca, Cudillero, Guijón, Cangas de Onís, Covadonga, Ribadesella e Oviedo.











