Normalización e IES Bouza Brey colaboran nos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas en Vilagarcía
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello colabora co IES Bouza Brey nas actividades que o centro preparou para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xosé María Díaz Castro. O programa desenvolverase ao longo desta mañá no instituto e consistirán na presentación dun video, unha exposición didáctica e un video clip musical cos que se pretende dar a coñecer a etapa que poeta lucense pasou en Vilagarcía exercendo como profesor do colexio León XIII. A concelleira de Normalización e Xuventude, Sandra García asiste aos actos.
As actividades realizadas polo alumnado de entre 11 e 19 anos coa axuda do profesorado comezan ás 10:40 horas no salón de actos do centro coa presentación do vídeo “Xosé María Díaz Castro, un poeta en Vilagarcía de Arousa”, realizado polo alumnado de Tecnoloxía de 1º de Bacharelato baixo a coordinación do seu profesor. O alumno Jaime Contreras Castillo será o encargado de introducir o audiovisual.
A continuación procederase á inauguración da exposición didáctica “Xosé María Díaz Castro, un poeta en Vilagarcía de Arousa”, acto no que intervirán a concelleira de Normalización e Xuventude, Sandra García e o director do IES Boyuza Brey, Cristian Fariña. A alumna de 2 de Bacharelato, Marta Vázquez Abuín, alumna de 2º de Bacharelato será a que presente o traballo.
Ás once desta mañá o IES Fermín Bouza Brey bota a andar unha serie de actividades para dar a coñecer a estancia vilagarcián de Xosé María Díaz Castro, o poeta homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.
Os estudantes, de idades comprendidas entre os 11 e os 19 anos, teñen organizado unha exposición didáctica con documentación sobre o poeta e a súa obra, un vídeo sobre Díaz Castro e un vídeo clip musical sobre un dos seus textos máis coñecidos, o poema “Penélope”.
A investigación sobre a vida e obra de Díaz Castro levada a cabo polo alumnado do IES Bouza Brey incluíu a utilización dos medios audiovisuais e das novas tecnoloxías para difundir o resultado do traballo dun xeito actual e atractivo tanto para o alumnado como para o público en xeral. Neste marco, a continuación procederase á estrea do videoclip “Penélope” no que se fai unha versión musicada do popular poema de Díaz Castro, cunha melodía orixinal composta por Dima Iglesias, traballador do centro, e que interpretan alumnos de 3ª da ESO. O propio Dimas Iglesias será quen presente o traballo.
Para pechar os actos conmemorativos do 17 de Maio no IES Buza Brey, procederase á presentación do blog do grupo de traballo: literatosbrey.blogspot.com.es, unha plataforma dixital onde os estudantes foron colgando toda a información que logran reunir e o seu traballo sobre Díaz Castro e a súa estancia en Vilagarcía como profesor do León XIII.











