Nigrán é o segundo municipio da área metropolitana con maior redución de desemprego
O Concello de Nigrán é o municipio da área metropolitana de Vigo cunha maior redución de desemprego. Así o recolle un informe publicado hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social con datos correspondentes ao mes de abril de 2014, que sitúa a esta localidade como o segundo municipio de Vigo e a súa área metropolitana cun descenso máis significativo do paro, con 95 desempregados menos no mes de abril, “máis do dobre que outros municipios da área como O Porriño, Mos ou Baiona”, sinala Valverde.
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, celebra os datos publicados hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, “que deben supor un influxo de esperanza para os veciños do municipio en situación de desemprego”.
A tempada de Semana Santa, a apertura de novos negocios, o empuxe do parque empresarial, así como a posta en marcha do programa CLARA e de talleres de emprego mancomunados como Terras do Miñor, ou a contratación de quince operarios desempregados a través do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra, son algunhas das causas que segundo Valverde escóndense detrás desta magnífica noticia para os veciños do municipio.
A pesar das limitadas competencias do goberno municipal en materia de emprego, “o goberno municipal contempla no orzamento a apertura de liñas de axudas e subvencións a autónomos así como a posta en marcha dun programa de bolsas”, adianta o rexedor.











