Neda informa dos prazos para anotarse nos campamentos deportivos da Deputación
O Concello de Neda volve participar este ano no programa Campamentos Deportivos 2014 que promove a Deputación Provincial da Coruña. A través do mesmo, ofrécense estancias subvencionadas dunha semana no verán no colexio Calvo Sotelo da Coruña onde os nenos e nenas poden participar dunha completa programación deportivocultural. Neste sentido, a Deputación concedeu a Neda cinco prazas e, agora, o Concello informa de que os nenos interesados en acceder a unha delas deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral (primeira pranta da casa consistorial) antes do 19 de maio en horario de mañá. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles celebraráse un sorteo público para seleccionar aos participantes. Dito sorteo terá lugar no salón de sesións da Casa do Concello ás 12 horas o 20 de maio.
A cuota de participación é de 85 euros, o que inclúe transporte interno, estadía e manutención en residencia e todos os gastos que ocasionen as actividades programadas (corre por conta do beneficiario o transporte dende Neda a Coruña). A estancia será entre o 6 e o 12 de xullo.











