Neda convida aos veciños a recitar os versos de Díaz Castro no Día das Letras Galegas
Neda celebrará o Día das Letras Galegas con dúas interesantes propostas culturais. Dunha banda, este venres, 16 de maio, a Casa das Palmeiras acollerá a partires das 20,30 horas un Encontro de Poetas no que o Concello quere dar protagonismo á veciñanza e, así, invitará aos nedenses a participar no mesmo dun xeito activo, propoñéndolles que reciten os poemas de Xosé María Díaz Castro, poeta lucense a quen se dedica este ano a efeméride. Así mesmo, a Concellería de Cultura avanza que no acto tomarán parte os poetas Francisco Vila, Miguel Melero e Amelia Querol que, amáis de profundizar na obra de Díaz Castro, tamén recitarán obras propias. Con entrada libre, o encontro dará comezo ás 20,30 horas.
Así mesmo, a programación deseñada polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas continuará o venres 23 de maio. Neste caso, co concerto de Roger de Flor e Os Silvestres. A actuación, tamén con entrada libre, principiará ás 20,30 horas con entrada libre. Nesta ocasión, na Casa da Cultura. Trátase dunha actividade incluída no Programa Cultura no Camiño 2014 do AGADIC, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.











