Najla Shami ofrece un concerto en Redondela no Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+
Najla Shami

Najla Shami

A Concellaría de Cultura organiza un concerto especial de Najla Shami polo día das Letras Galegas 2014, en colaboración coa Central Folque e incluída na programación da Rede de Músicas Soltas. O Auditorio da Xunqueira acollerá o sábado 17 de maio, festividade das Letras Galegas, un concerto da cantora e compositora Najla Shami, que virá acompañada do guitarrista Héctor Lorenzo.

O público que se achegue á Xunqueira terá a posibilidade de escoitar o repertorio do seu último traballo “Na lingua que eu falo” (publicado nun libro-CD por Galaxia) no que pon música á poesía de Rosalía de Castro, e tamén outras cancións do seu repertorio habitual, cunha sonoridade influenciada por estilos coma o jazz, o funk, world music e a música galega.

NAJLA SHAMI é unha cantante e compositora nacida en Compostela que medrou baixo a influencia de tres culturas: a palestina, a galega e a arxentina. O seu interese pola música manifestouse dende ben cedo e comezou a estudar e a cantar dende os 9 anos, e formou parte de diversos coros polifónicos e formacións de música tradicional galega. Despois da adolescencia comeza a tocar a guitarra e as súas composicións vólvense máis persoais e comezan a influír nas súas interpretacións estilos coma o jazz, funk e world music.

A finais da década dos 90 comeza a estudar música moderna e educación musical, e afonda na técnica vocal e na súa pedagoxía, o que a levará a distintos países europeos e de Oriente Próximo. Entre 2003 e 2011 colabora en diversos traballos con bandas como Cinnamon Gum, a Safari Orquestra ou Lobalú, entre outras.

Gradualmente vai incorporando novas influencias con sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e o jazz, e comeza unha xeira de novas colaboracións entre as que se atopan Sérgio Tannus no álbum Son Brasilego, o livro-disco e documentário CoraSons e a participación en festivais como “Estou Lá, Festival da Lusofonia” ou “Terra da Fraternidade, Homenagem a Zeca Afonso”.

No seu primeiro traballo en solitario, o libro-disco Na língua que eu falo, afonda na obra da escritora Rosalía de Castro cunha selección de dez temas sobre sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra.

O concerto será o sábado 17 de maio, ás 21.00 h, no Auditorio da Xunqueira. O prezo da entrada é de 4 €.

13 de maio de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.