Música, teatro, libros, exposicións e moita lingua cno Programa das Letras 2014 en Carballo
Un ano máis Carballo conmemora o 17 de maio, Día das Letras, a través dun programa de actividades que transcorre durante todo o mes de maio e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura, pero que tamén propón teatro, música e arte. O momento máis esperado é o maratón “As letras en voces”, o sábado 17 de maio no Xardín Municipal de 11.00 a 13.30 horas, unha cita que conta coa colaboración das asociacións culturais e centros de ensino do municipio. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos máis de cincuenta persoeiros que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro. A cita contará coa colaboración da AC Coral Ribeiras do Anllóns e das Cantareiras de Nemeth. Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón, poden facelo até o 15 de maio no propio Pazo da Cultura; no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302; e no enderezo electrónico <culturacarballo@carballo.org>. Un acto que centra un programa para que “a xente goce das actividades culturais, porque gozando da cultura formámonos como persoas”, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. O maratón “As letras en voces” estará amenizado, así mesmo, por outras actividades e actuacións musicais. A apertura corre a cargo da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, mentres que o peche, ás 13.30 horas, é para o Concerto das Letras da Banda Municipal de Música de Carballo na Rúa Coruña. Ademais, a Praza do Concello acolle o XXXV Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo, unha cita tradicional organizada pola AC Lumieira. En caso de choiva, todas as actividades ao aire libre, incluído o maratón, terán lugar no Mercado Municipal. Por último, os máis cativos e cativas teñen un espectáculo de contacontos na Ludoteca ás 12.00 horas con Baobab Teatro para maiores de tres anos. Pero ademais dos actos do día 17, o programa conta con actividades que xa comezaron a primeiros de mes e que continuarán até o seu remate. Hai que subliñar os “Contos de Taberna”, unha iniciativa na que desde o 23 de abril, Día do Libro, e até o 17 de maio, Día das Letras, as persoas que acudan a un dos 14 bares participantes no proxecto e fagan un consumo mínimo estipulado levarán de agasallo un texto e unha ilustración propias dese bar. Entre o 5 e o 9 de maio os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio tamén gozan coa IX Semana do Libro e a Lectura. E até o 18 de maio aínda pode visitarse a exposición “Gravado en Carballo”, realizada polo alumnado da Aula dirixida polo artista Manuel Facal.
Así mesmo, un ano máis, o xoves 15 de maio nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo participan, coa colaboración do Concello, en Correlingua, unha carreira lúdico educativa a prol do idioma que ten lugar na Coruña a partir das 10.00 horas. Nela, participa alumnado do IES Parga Pondal, que realizará un perdorrido entre a Torre de Hércules e os Xardíns de Méndez Núñez. E ao día seguinte, o venres 16, celébrase a Festa da Lingua, que inclúe o acto de entrega do X Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo. A cita conta coa presenza musical de Os tres trebóns e María Mc e é a partir das 21.00 horas con entrada de balde. No Programa das Letras nunca falta a música, desta volta cos Encontros Culturais de Arume e cun Concerto Didáctico da Orquestra de Cámara do Conservatorio de Carballo. No primeiro caso, a cita ten lugar no Local Social de Verdillo o domingo 18 de maio ás 17.30 horas e está organizada pola AX Arume coa colaboración do Concello. No segundo caso, trátase dunha mostra da sección sinfónica do Conservatorio dirixida por Juan Otero e Francisco Vecino. A cita é o 22 de maio no Pazo da Cultura a partir das 20.15 horas e a entrada é libre ata completar aforo.
Unha completa oferta de teatro afeccionado
Como acontece en todos os programas culturais do Concello de Carballo, o teatro ten un papel protagonista no Programa das Letras, neste caso da man de grupos afeccionados do municipio. As citas principian o xoves 15 de maio ás 20.00 horas co grupo de teatro da Escola Oficial de Idiomas de Carballo (The Carballo EOI Drama Group). Presentan “Lola”, “The True Story”, “Three little pigs” e “The other Cinderella Story”. A entrada é gratuíta. Continúa a Aula de Teatro Municipal de Carballo con “Pequenas escenas”, unha mostra dos traballos dun obradoiro levado a cabo polo alumnado ao longo do curso. A cita é ás 21.00 horas. O sábado 24 chega a quenda do grupo de teatro da AC Coro Vagalume, que presenta ás 19.00 horas “A bela non durminte” e “Os malandríns”; e o domingo 25 ás 20.30 horas “Os cavernícolas” e “A lenda de Robin Hood”. A entrada é de balde con invitación previa para as dúas citas. Pecha a rolda de actuacións teatrais o grupo de teatro da AC Coro Ribeiras do Anllóns con “A moa”, “Unha cousa pola outra” e “O testamento do tío Nacho”. Será o venres 30 de maio ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Entrada gratuíta con convite.
Para rematar, hai que mencionar que a actividade física e o deporte sempre teñen un oco. En primeiro lugar, coa Primavera en Ruta da Asociación Ambiental Senda Nova, que conta con catro citas nos domingos entre primeiros de maio e o 1 de xuño. E tamén co II Día do Pequebasket que organiza Escola Basket Xiria, unha cita non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 5 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes gocen dun día lúdico festivo e no que está previsto que participen máis de 400 nenos e nenas. Será no Pavillón Carballo Calero o 17 de maio, Día das Letras, a partir das 11.00 horas. O Programa das Letras 2014 está organizado pola Concellaría de Cultura, aínda que tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial ou a Xunta de Galicia.











