Música, teatro, contacontos, obradoiros e pintura entre as propostas culturais de Lousame
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou esta mañá o programa de actividades culturais do Concello de Lousame para o vindeiro mes de maio, que inclúe música, teatro, contacontos, obradoiros e unha exposición de pintura. Seis actividades que terán como eixo central a figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, e que se celebrarán na Casa da Cultura de Lousame.
O programa de actividades abrirase o venres 9 de maio coa inauguración dunha exposición de pintura do autor Julio Díaz Gesto, ás 21:00 horas na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame. Para o sábado 10 de maio, ás 11:00 horas, está previsto o espectáculo “Antía, Wamba e o regato pequeno”, presentado por A tropa de trapo e o Fondo Galego de Cooperación. Trátase dunha combinación de contos e música dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. O domingo 11 de maio, ás 20:00 horas, será tempo dun recital poético dramatizado: “Este é o noso mar”, “un recital poético da Tertulia Literaria do Tapal, de quen xa puidemos disfrutar en Lousame o ano pasado nunha homenaxe a Rosalía de Castro”, sinalou Teresa Villaverde.
Concerto
Para o venres 16 de maio está programada unha das actividades clásicas do mes das Letras Galegas en Lousame: o “Concerto das Letras”, a cargo da Banda Municipal de Música de Lousame. A actuación terá lugar ás 21:00 horas. E o sábado 17 de maio está prevista a “Festa do galego”, unha serie de obradoiros culturais para nenos e nenas de entre 4 e 14 anos de idade que terán lugar ás 11:00 horas na Casa da Cultura.
Pechará o programa de actividades unha sesión de “microteatro” programada para o domingo 18 de maio, ás 20:00 horas. Trátase de pequenas pezas teatrais representadas por tres compañías: o grupo municipal de teatro de Lousame, o grupo de teatro Tic-Tac (da USC) e Teatro do Improvisto.
Teresa Villaverde convidou a todos os veciños e veciñas de Lousame “a disfrutar das nosas Letras participando nas distintas actividades culturais que temos programadas para este mes de maio”. Un programa elaborado polo Concello de Lousame en colaboración coa Deputación da Coruña, co Fondo Galego de Cooperación, coa Banda de Música de Lousame e coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.











