Mos inclúe como medida educativa as visitas dos escolares ó Punto Limpo
Un total de 40 alumnos e alumnas do CEIP de Petelos visitaron esta mañá o Punto Limpo de Mos, situado no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, acompañados por mestres do seu centro educativo e as concelleiras mosenses promotoras da actividade, Kely Monzón de Educación e Participación Cidadá e Julia Loureiro de Medio Ambiente. A visita tivo un horario de 10.30 hora a 11.45 hora e estivo dividida en dous grupos de estudantes: un de 22 escolares de 5º curso de Educación Primaria e outro de 18 escolares de 6º curso de Educación Primaria.
Sobre esta iniciativa a edil Kely Monzón declaraba hoxe que “estamos nun momento no desenrolo da humanidade no que coidar dos recursos que nos dispón a Terra convertese en algo fundamental. O noso nivel de vida actual require un gasto enerxético e material demasiado alto e debemos aprender a xestionar racionalmente o noso consumo e tamén os nosos desperdicios. Por isto, no noso Concello contamos cun Punto Limpo de recente construción, enmarcado nun programa destinado a mellorar a xestión dos residuos a nivel autonómico e salvagardar os montes galegos da agresión de verquidos incontrolados. Neste sentido dende a concellería de Educación e Participación Cidadá consideramos fundamental a idea dar a coñecer ós nosos escolares este Punto Limpo para que recoñezan o labor que se desempeña vendo de primeira man como se xestionan aquí os residuos. Todo isto a través dunha visita guiada da man do persoal especializado de Coregal, empresa encargada de xestionar o Punto Limpo de Veigadaña, e co complemento dunha charla-obradoiro da man de persoal de PMA, empresa a través da cal se procesan aceites de cociña”.
Os destinatarios/as desta actividade son o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIPS de Petelos (que realizou hoxe a visita) e Pena de Francia (que fará a visita o vindeiro 22 de maio).
Os obxectivos desta iniciativa non son outros que dar a coñecer o Punto Limpo do Concello aos escolares, fomentar hábitos de respecto ó medio ambiente, consolidar coñecementos como a reciclaxe, a reutilización, e a redución de residuos, mellorar a relación coa natureza. E promover o uso responsable dos recursos e enerxías coas que contamos.
As visitas ó Punto Limpo mosense incluídas neste programa duran unha hora e media aproximadamente e van acompañadas de explicacións sobre as instalacións pero tamén de concienciación e educación ambiental.











