Moncho Fernández: “Estudantes é un equipo cunha potencial e experiencia superiores a nós”
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, afirmou esta mañá en rolda de prensa que o próximo rival na liga Endesa, o Tuenti Móbil Estudantes, “está moi lonxe, por potencial e experiencia” do conxunto compostelán.
O Palacio dos Deportes da Comunidade de Madrid acolle este domingo, a partir das 18.30 horas, unha cita na que nunca logrou gañar o Rio Natura Monbus, aínda que o técnico considera que iso pode ser un aliciente. Fernández ten claro que o conxunto estudantil “é un equipo cun potencial e unha experiencia que está moi lonxe de nós. Estudantes está aí na clasificación, pero é un equipo cun persoal enorme. A nós os seus xogadores actuais lévannos máis de mil partidos en ACB. O quinto pivote é Lucas Nogueira e o sexto Fran Guerra, o que di moito”, declarou en rolda de prensa.
O técnico ten claro que “é un equipo que tacticamente utiliza moitas defensas cambiantes e por iso o equipo ten que estar preparado para iso. Teremos que multiplicarnos e axudarnos entre todos. O principal perigo é a calidade individual dos seus xogadores. Ten un xogo interior moi forte, nun sitio onde nós carecemos dese potencial. Agora está a xogar ao nivel que se lle presupón”, declarou o galego.
En canto ás baixas para o partido, o técnico compostelán explicou que desde onte non conta cos pivotes Richi Guillén e Micky García Stobart, que poderían non chegar a tempo ao próximo partido. “Richi está en cama por un virus e onte lesionouse Micky no nocello que adestrará hoxe. É o mesmo que se lesionou hai unhas semanas e a ver como evoluciona, pero ben non o vai a ter”, concluíu.











